Pon en valor o apoio da Xunta ao sector do mar e destaca a partida específica de 77 millóns de euros dentro do plan de reactivación económica e social
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, animou a todos os galegos a subirse ao mesmo barco na difícil reactivación económica e social e advertiu da ingobernabilidade que suporía ter dez capitáns intentado manexar o temón.
Deste modo se expresaba nun acto sectorial de mar celebrado en Santiago e no que incidiu en que o día 12 se decide quen vai xestionar os vindeiros catro anos as políticas deste sector. Así, apuntou que hai dúas propostas claras: por unha banda, está a do PPdeG, que é a proposta de Galicia, da estabilidade e da xestión, avalada por estes once anos de Goberno; e, por outra banda, hai dez propostas distintas, sen experiencia e sen xestión.
APOIO AO SECTOR
O líder do PPdeG agradeceu a resposta extraordinaria da xente do esencial sector do mar nun momento como o provocado pola pandemia, garantindo alimentos de calidade a unha sociedade confinada.
Neste punto, garantiu seguir traballando co “mesmo rigor, disciplina, seriedade e coa mesma valentía” para tomar todas as decisións que sexan necesarias para preservar a saúde dos galegos. Porque, tal e como afondou, a prioridade número un é a seguridade na saúde pública. Así, dixo que o que “non imos é dubidar para tomar as decisións que sexan necesarias en cada momento”.
Igualmente, salientou o apoio da Xunta ao sector ante unha situación tan dura, pois puxo en marcha un plan de reactivación económica e social no que se contemplou unha partida específica para o sector do mar de 77 millóns de euros a través de cinco liñas de apoio.
En primeiro lugar, con liquidez e financiamento para manter a súa sustentabilidade; con investimento para a adecuación e sostemento das actividades imprescindibles; cunha partida para a reorientación do sistema económico-pesqueiro para adecuarse á nova situación tras a pandemia; coa adecuación e flexibilización administrativa; e, por último, con fondos para axudar aos máis afectados pola pandemia, paliar as súas perdas.
ORGULLOSOS DO BALANCE
O líder do PPdeG, tras salientar que “o mar está sempre presente nas políticas económicas”, aproveitou para render contas e poñer en valor o balance de once anos de traballo, o que lles permite pedir de novo a confianza a esas máis de 44.000 persoas que traballan cada día para ofrecernos o mellor do mar.
Nese senso, remarcou que medraron os programas orzamentarios destinados á mellora da transformación nun 30% nesta lexislatura e que Galicia segue sendo a décima exportadora mundial de produtos da pesca; incrementáronse un 40% as prazas de amarre e aumentou un 60% a media anual de mercadorías movidas nos nosos portos; medraron un 38% os fondos para formación na lexislatura e a media anual de matriculados nas escolas náutico-pesqueiras subiu un 60% respecto ao 2009.
Ademais, puxo en valor os datos positivos en pesca: en marisqueo, con 267 proxectos executados ou en execución polas confrarías e coa recuperación de 13,5 millóns de metros cadrados de zonas improdutivas; en acuicultura, na que se pasou de 200.000 toneladas producidas no 2008 a máis de 278.000 no 2018; e en transformación, onde se superaron barreiras en exportación e se chegou a vender fóra máis de 2.200 millóns de euros de produtos do mar. Do mesmo xeito, fixo fincapé en que Galicia gañou un 75% de cota nestes dez anos. “Os produtos do mar galegos exportáronse a 121 países”, engadiu.
PROPOSTAS E RETOS DE FUTURO
Durante a súa intervención, Feijóo resaltou que o programa do PPdeG ten cinco liñas moi claras e concretas para este sector. En primeiro lugar, reforzar o relevo xeracional e recoñecendo o papel da muller no sector -melloras na habitabilidade dos barcos, na súa seguridade, de renovación da frota e de adecuación da formación-.
En segundo lugar, dotar de competitividade á frota de baixura con iniciativas para aportar sostibilidade e competitividade á frota de artes menores, cun plan de acción de Pesca Costeira Artesanal e Artes Menores Galicia 2030 que xa está ultimado. A terceira liña pasa por ampliar a actividade rendible e sostible do marisqueo, avanzando no semicultivo, aumentando a potencialidade económica e flexibilizando os sistemas de outorgamento do permex.
Como cuarta liña, Feijóo afirmou que queren complementar e diversificar oportunidades no mar: cun Plan de acción en materia de patrimonio marítimo- pesqueiro e aproveitando as oportunidades que ofrecen os tres próximos Xacobeos -cun plan de promoción dos Camiños de Santiago a percorrer polo mar-.
E xa o último eixo ten que ver coa calidade das augas e os mares limpos, investindo en saneamento naquelas zonas de marisqueo e acuicultura onde aínda se pode mellorar, garantindo un sistema de salvamento marítimo, loita contra a contaminación e vixilancia pesqueira ben dotado, e cun plan de loita e concienciación contra o lixo mariño. “Queremos mares limpos, porque queremos vivir do mar”, engadiu.
Ademais, tamén falou dos retos que ten o sector e que van condicionar o seu futuro e nos que é fundamental saír ben parados, como o Brexit, a política de descartes e a necesidade de potenciar o consumo de peixe.