O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou na clausura da Interparlamentaria celebrada este sábado que os populares esfórzanse día tras día por levar ao Parlamento galego, ao Congreso dos Deputados, ao Senado e ao Parlamento europeo “o sentimento e o sentidiño dos galegos”.
Para Feijóo, as persoas que se deron cita neste acto asumen a obriga democrática de levar ás institucións a voz dos galegos, trasladando aos órganos democráticos as opinións, as inquedanzas e as propostas dos cidadáns. Así mesmo, manifestou que o PPdeG non ten ningún dilema entre facer política na rúa e facer política nas institucións xa que “somos o partido que mellor conxuga as dúas áreas de acción democrática e debemos estar nas institucións e ao mesmo tempo pisar os asfaltos e as pistas de terra”.
GARANTES DA ESTABILIDADE
“Os galegos confían en nós como garantes da estabilidade da nosa terra”, dixo o presidente, destacando a defensa que fan dela os 41 deputados populares do Parlamento, os 12 deputados galegos do Congreso, os 14 senadores do PPdeG, e o eurodeputado Francisco Millán Mon. “Un voto ao Partido Popular de Galicia é un voto ao servizo da estabilidade”, insistiu.
Nese senso, puxo en valor a importancia de ter unhas institucións razoables, previsoras e previsibles coas que os cidadáns poden sacar o mellor de si mesmos. Segundo lembrou, “Galicia dixo moitas veces ‘non’ aos que propuñan romper con todo, e dixo ‘si’ aos que garantimos a estabilidade”.
DEFENDENDO OS INTERESES DOS GALEGOS
Durante a súa intervención, o presidente remarcou que despois de todos estes anos, “podemos seguir mirando aos ollos aos galegos con confianza e ilusión” xa que o Partido Popular de Galicia seguirá defendendo os seus intereses en todas as institucións. Como indicou, mentres haxa deputados autonómicos, deputados nacionais, senadores e eurodeputados do PPdeG, “Galicia terá a presenza que merece en todos os grandes centros de decisión”.
De igual xeito, apuntou que o que fai grande ao seu partido son os seus equipos e as súas ideas, pero sobre todo “é o privilexio de poder levar ás institucións as prioridades, as preocupacións e os desexos da xente” xa que “Galicia manda e o PPdeG actúa”.
CONSTRUÍR A GALICIA DO FUTURO
Tal e como recoñeceu Feijóo, “todas as cousas que nos preocupan incentívannos a corrixir o que facemos mal e a afondar no que facemos ben”. Por este motivo, admitiu que os populares prefiren investir o tempo en xornadas como a Interparlamentaria, que permite seguir perfeccionando o seu traballo.
“O noso obxectivo é deixarlles aos nosos fillos unha Galicia mellor”, manifestou mentres explicaba que a Galicia do futuro non se consegue tuiteando, criticando ou desde o enfrontamento, senón que se constrúe escoitando, reflexionando e propoñendo; sinalando os erros e recoñecendo os acertos; e actuando desde o diálogo e a cooperación leal e responsable.
“O noso mellor discurso é o noso traballo”, precisou Feijóo mentres poñía en valor que o seu partido ten unha folla de servizos que presentarlles aos galegos. De feito, recordou que, despois de nove anos cun presidente da Xunta do PPdeG e de sete anos cun presidente do Goberno de España tamén do PPdeG, Galicia leva máis de catro anos seguidos creando emprego; saneáronse as contas; expórtase máis que nunca; bátense récords en turismo; prepárase para o 2021 o mellor Xacobeo da Historia; acadouse unha Educación pública inclusiva, equitativa, plurilingüe e tecnolóxica; temos unha Sanidade pública de máis calidade; e hai mellores infraestruturas e grandes proxectos que se farán realidade nos vindeiros anos como o AVE.
MENSAXE A QUIM TORRA
O líder dos populares galegos quixo saudar a previsible chegada á presidencia da Generalitat de Cataluña de Quim Torra advertíndoo de que “Galicia é tan nacionalidade histórica coma Cataluña”. Neste sentido, Feijóo contrapuxo o modelo de estabilidade e respecto institucional galego co da deriva independentista. “Torra será president sen presentarse ás eleccións, mentres en Galicia temos un presidente escollido polos galegos”, subliñou.
Do mesmo xeito, Feijóo quixo insistir en que “en España non hai presos políticos” e destacar o papel crucial da Súa Maxestade o Rei no proceso secesionista. “Cando o xefe do Estado defende a unidade de España, así como os dereitos e liberdades dos cidadáns, só hai que dicir que ‘Maxestade, así si’”, sentenciou.