13, maio, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, compartiu hoxe co candidato do PP á alcaldía do Ferrol, José Manuel Rey Varela, o compromiso dun Goberno responsable, realista e capaz de formular solucións para a súa industria e a súa economía, como a creación dunha Zona Franca, similar á que existe noutras sete áreas españolas.
Durante un acto con emprendedores da comarca, Feijóo valorou e defendeu esta proposta ante unha taxa de paro estrutural que rolda o 15% na cidade; ante situacións como o peche de Poligal ou Coprago, de Megasa e ante a presión institucional para o peche das térmicas. Por iso, considerou “xusto, oportuno e procedente” que Ferrol conte cunha Zona Franca que garanta beneficios ás empresas que decidan operar desde a cidade.
UNHAS ELECCIÓNS CLAVES PARA O FUTURO
Feijóo aproveitou o acto, ao que tamén asistiu o candidato ao Parlamento Europeo, Francisco Millán Mon, para facer fincapé na importancia destas eleccións municipais e europeas, claves para o noso futuro, ante os indicios de desaceleración que se comezan a percibir, tanto a nivel nacional como internacional. E, resaltou a importancia de evitar en todas as administracións co voto unha política xorda e cega, por ser “daniñas” para as economías.
Feijóo chamou a atención sobre o risco que supón para a nosa economía que se consoliden nos concellos ideoloxías populistas ou moi populistas. Neste senso, salientou que aplicando o seu modelo económico, en Galicia, eliminaríanse preto de 27.000 empregos, resultado de: pechar Reganosa; pechar as centrais térmicas de Meirama e As Pontes; pechar Ence; impedir que PSA Citroen puidese ampliar a fábrica de Vigo; ou opoñéndose ao polo aeroespacial de Rozas.
Ante esta situación, Feijóo aseverou que os concellos non aguantan con gobernos revoltos e desunidos, porque “as cidades páranse e retroceden”. E é que, tal e como remarcou, cando os gobernos deixan de preocuparse polos sectores estratéxicos estanse equivocando. Así, pediu que non se confíe nos partidos sen proxecto político e naqueles que cren que a política é so dar titulares.
UNHA POLÍTICA ESTABLE E RESPONSABLE
Por outra banda, salientou que apostar pola estabilidade e a responsabilidade fixo posible que Galicia sexa a cuarta comunidade con menos endebedamento; que teña unha Administración seria e cumpridora que paga aos provedores no menor tempo de España; que estea entre as tres autonomías con maior esforzo investidor; que se puidera acometer a maior rebaixa fiscal da nosa historia; ou que leve catro anos consecutivos crecendo no entorno do 3%.
Feijóo amosou a súa preocupación ante o interese do Goberno central por esperase ata plena campaña electoral a orde de execución das fragata, retrasando o comezo dos traballos ata ben avanzado o 2020; os tímidos avances nos compromisos adquiridos para converter Navantia nun estaleiro 4.0. ou por beneficiar aos estaleiros do sur. Sobre este punto, recordou que desde Galicia, co sector e co anterior Goberno central, realizouse un esforzo importante nos últimos anos para recuperar a confianza do mercado e modernizar os estaleiros.