Lugo, 2 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou esta mañá que confía na xente nova “para derrotar o pensamento único” e “para traerlle novas certezas á Galicia do futuro”.
Así se expresaba nunha tertulia-coloquio celebrada en Lugo con mozos e na que admitiu que a recesión económica, ademais de supoñer un punto e aparte para as esperanzas de moitas persoas, tamén tumbou moitas certezas. “Algúns valores, principios e rutinas que se daban por feitos empezaron a ser cuestionados”, engadiu.
Segundo apuntou, o diálogo e a confrontación de posturas sempre son positivos e están na esencia da propia democracia, pero o que non é tan democrático é que algúns monopolicen preguntas para intentar tamén monopolizar as respostas.
“Estas persoas enarbolan as bandeiras da política nova utilizando as respostas das políticas vellas”, indicou, lembrando que moitos calan por medo a ser sinalados ou deixan de expresar con naturalidade as súas ideas porque non entran do pensamento único.
“Os delirios dos que aseguran ser os únicos representantes lexítimos da xente decente tocan especialmente á xuventude”, alertou Feijóo namentres indicaba que os mozos que cren na liberdade social e económica son a maioría, aínda que o pensamento único se esforce en ocultalos.
CAMBIAR O MUNDO
“A xente que pensa por si mesma é a que cambia o mundo”, manifestou o presidente ao tempo que pedía á mocidade que non deixe que ninguén pense por ela.
Tal e como aseverou, os mozos son persoas con ideas propias, son emprendedores e abriranse o seu propio camiño tendo dereito a equivocarse para acabar acertando. “Tócavos a vós decidir cal é o camiño que queredes para a Galicia do ano 2020”, dixo.
Convencido de que a mocidade galega non fará caso aos cantos de serea daqueles que queren unha xuventude teledirixida, destacou que hoxe coñecemos os datos do emprego de agosto que reflicten que Galicia é a comunidade autónoma onde máis baixou o paro en termos absolutos e a terceira en termos relativos nunha España onde sube o desemprego.
Feijóo fixo fincapé en que se incrementaron en 5.000 persoas as afiliadas á Seguridade Social e que no último ano o paro baixou en Galicia máis do 10%; ademais de descender un 15 % o paro xuvenil e subir o emprego indefinido un 28% e o temporal un 14%.
Por este motivo, incidiu en que cando se di que Galicia está peor en termos de emprego que o resto que España “é un falsidade máis do pensamento único”.
MÁIS OPORTUNIDADES PARA OS MOZOS
“Temos máis oportunidades no ano 2016 que no 2008”, apuntou o presidente salientando que, para desprazarse, os mozos contan coa Tarxeta Xente Nova; e xa no eido da educación, somos a comunidade con máis profesores por alumno, onde máis se rebaixou o fracaso escolar, onde cada vez hai máis prazas de comedores escolares e tamén onde existe unha axuda para o materia escolar.
Así mesmo, lembrou que hoxe as taxas universitarias son un terzo máis aquí baratas do que son en Cataluña ou Madrid, sen esquecer que Galicia foi en 2015 a comunidade onde menos xente nova saíu ao estranxeiro ou a outras comunidades, recibindo máis persoas do exterior que xente que emigrase.
“Estou seguro que o futuro que nos espera é esperanzador”, dixo o dirixente, quen tamén apuntou que as oportunidades nacen dun sistema que respecta a liberdade económica e social, solidario, que non coarta os soños dos emprendedores e no que o Estado non sexa un Leviatán que controle todos os aspectos da nosa vida.