10, marzo, 2020. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou o esforzo inversor do Goberno galego en Lugo, grazas ao cal a capital lucense “está mellor equipada” e ten hoxe un servizos públicos máis sólidos e potentes que hai unha década. Tal e como puxo de manifesto, a Xunta “estivo construíndo a cidade de Lugo nos últimos 11 anos”, ao tempo que destacou que esta provincia “foi, é e seguirá sendo” onde máis inviste a Administración autonómica por habitante.
Así se expresou Feijóo, durante un almorzo balance con máis de 350 persoas, onde indicou que, ao longo destes anos, o obxectivo foi intentar dar resposta ás demandas dos veciños para que Lugo non quedase “descolgada” do resto de urbes, sempre con espírito de acordo e buscando a credibilidade a través de proxectos e investimentos concretos.
MELLOR SANIDADE E MÁIS EQUIPADA
Unha das prioridades foi rematar e equipar o Hospital Público, salientou o líder do PPdeG, quen lembrou que se investiron máis de 60 millóns de euros para a posta en marcha deste novo centro, pero tamén para dotalo de sala de hemodinámica funcionando as 24 horas do día e dos servizos de radioterapia e medicina nuclear.
Feijóo afirmou que o compromiso é seguir mellorando a sanidade pública coa construción do novo centro integral de saúde, no que se concentrará un moderno centro de atención primaria; servizos de fisioterapia e atención á muller; un punto de atención continuada; atención á saúde mental; e a base do 061.
En materia de servizos públicos, salientou que se multiplicaron por catro as axudas á dependencia e se duplicaron as axudas ao fogar. Tamén se reformou a residencia de maiores das Gándaras e, nestes momentos, estase a executar -en colaboración coa Fundación Amancio Ortega- a nova residencia. Este novo centro, que se prevé iniciar este ano, suporá un investimento de 12 millóns de euros e ofertará 120 novas prazas públicas para maiores, co que desde 2009 se terán incrementado as prazas de residencia nesta cidade en máis dun 50%.
Feijóo destacou que Lugo conta hoxe con case 1.000 prazas públicas en escolas infantís, case o dobre que hai dez anos; e referiuse en concreto á nova escola infantil de Garabolos, que aumentou a ratio de prazas públicas de garderías do 21 ata o 38%.
EDUCACIÓN E VIVENDA
No ámbito da educación pública, salientou actuacións concretas como as reformas do CIFP As Mercedes, do CEIP Luis Pimentel, do IES Muralla Romana ou do CEIP de Casás, así como a nave-taller de madeira do CIFP Politécnico, a mellora do IES Xoán Montes e a construción do novo colexio Sagrado Corazón -un centro con capacidade para 450 alumnos e que estará a disposición o vindeiro curso 2020-2021-. Ademais, anunciou que a Xunta xa está traballando nas ampliacións dos institutos de San Xillao e Muralla Romana.
Outro dos apartados aos que se referiu Feijóo foi o da vivenda, no que lembrou que se remataron as vivendas de protección pública de Garabolos e se sacou a concurso público dúas parcelas para que se constrúan 370 vivendas protexidas. Asemade, mantense o compromiso coa rehabilitación da Tinería, no que xa se adxudicaron 80 vivendas rehabilitadas, situándose como un modelo de rehabilitación para o resto de Galicia. De cara ao futuro, ademais de rematar os traballos de rehabilitación que se están a facer en catro vivendas, anunciou a intención adquirir novos edificios para a súa restauración e a tramitación para a rehabilitación de dúas edificacións singulares: o Pazo de Dona Urraca e a Casa da Torre.
O presidente do PPdeG salientou o plan da Xunta para o barrio da Residencia, co primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia, en obras desde febreiro; a nova residencia de maiores; a oficina de formación e emprego, que está licitada; a central de biomasa, iniciada a demolición da lavandería e central térmica; o centro de emprendemento aeronáutico; e unicamente queda pendente de instalar a nova Comisaría de Policía.
Con respecto ás infraestruturas, Feijóo agardou que se rematen o antes posible as obras da autovía Santiago-Lugo e engadiu que, despois de poñer en servizo o corredor Sarria-Monforte, se acometerá o desdobramento do corredor Lugo-Sarria.
PLAN PARADAI E ESTACIÓN INTERMODAL
Sobre o Plan Paradai, Feijóo indicou que se levan executadas catro de sete fases, e que o compromiso é poder impulsar unha nova fase en canto o Concello o desbloquee e se coordine coa Confederación Hidrográfica respecto aos axustes urbanísticos.
Por outra banda, referiuse ao proxecto da estación intermodal, así como para que o espazo da actual estación siga sendo un lugar público e céntrico. Así, tras lamentar a falta de implicación do Goberno central coa chegada do AVE a Galicia, dixo que “queremos unha estación intermodal en Lugo porque queremos que haxa tren de alta velocidade en Lugo”.
O presidente do PPdeG tamén salientou que Lugo converteuse no primeiro polo aeronáutico de avións non tripulados de España logo dun investimento acumulado superior aos 160 millóns de euros, logrando que as principais multinacionais do sector estean desenvolvendo os seus proxectos aquí e que o maior dron civil de fabricación española se desenvolva e probe nestas instalacións.
Así mesmo, finalizouse o Polígono das Gándaras, onde se puxeron a disposición máis de 870.000 metros cadrados, e xa se está tramitando a súa ampliación, coa previsión de que a primeira fase das obras se licite en abril.
AUDITORIO E MUSEO-PARADOR
Para rematar, o presidente popular referiuse ao turismo, centrándose nos Camiños do Norte, declarados Patrimonio da Humanidade; e na Muralla de Lugo, na que a Xunta investiu 5,5 millóns de euros desde 2009. Sen esquecer outras actuacións no patrimonio cultural lucense, como as realizadas na Catedral de Santa María, o Museo Diocesano, a Capela da Soidade ou a Capela de San Bartolomeu do Burgo.
Do mesmo xeito, referiuse ao auditorio, que xa está construído e equipado e só pendente da colaboración do concello, e ao proxecto de rehabilitación do Museo-Parador.