11, marzo, 2020. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, salientou que Galicia é hoxe máis verde que hai unha década, xa que é referente en Europa en sustentabilidade económica e ambiental, e é a única comunidade autónoma que conta cunha estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e unha estratexia de economía circular 2020-2030.
Nun acto celebrado esta tarde en Sober, Feijóo asegurou que a Galicia verde é o compromiso do Goberno galego con todo o sector rural, un dos vectores -xunto coa Galicia moza, innovadora e familiar- do proxecto para a próxima década. Así, sostivo que “o rural en Galicia ten futuro”, por ser máis competitivo que nunca.
O presidente do PPdeG referiuse en concreto a varios sectores relacionados co rural galego, como o vitivinícola, no que os viños galegos con denominación de orixe ocupan o terceiro posto nacional polo seu valor no mercado; o sector lácteo, no que Galicia é líder nacional en produción de leite; a agricultura ecolóxica, no que Galicia vende un 33 por cento máis de produtos e é a primeira comunidade de España en explotacións produtoras de leite ecolóxico; e a pesca e o mar, no que nos últimos dez anos se aumentou un 75 por cento as cotas pesqueiras e Galicia é a décima exportadora mundial de produtos pesqueiros.
Pero, se de algo hai que amosar orgullo é de que hoxe no rural galego tamén está a Galicia moza, xa que nos últimos dez anos 3.500 mozos se incorporaron ás actividades agrarias e unha de cada dez explotacións está dirixida por menores de 30 anos.
MENOS IMPOSTOS, MÁIS SERVIZOS
Ademais, Feijóo salientou que a política de menos impostos no rural chega a máis de 70.000 familias galegas; e que tanto os mozos, as familias numerosas como as persoas con discapacidade non pagan impostos pola compra dunha vivenda nin por vender, mercar ou permutar parcelas no noso rural.
Ademais de pagar menos impostos, hai máis servizos. Así, destacou que por primeira vez as familias que viven no rural contan con casas niño e casas do maior; e que se está a traballar para unha mellora cobertura 4G e de Internet.
Feijóo explicou que para ter hoxe unha Galicia máis verde tívose que apostar pola súa ordenación. Así, engadiu que mentres que en 2009 só o 10% dos concellos galegos tiñan un plan xeral, hoxe xa contan con el 106 municipios, ao tempo que se está a redactar os plans básicos municipais para os 49 concellos de menos de 5.000 habitantes.
Puxo en valor unha Galicia que aposta pola rehabilitación, coa primeira Lei de rehabilitación integral de Galicia, que facilitou que 20.000 familias rehabilitaran as súas vivendas coa axuda da Xunta nos últimos catro anos; ou intentando ser cada vez máis eficientes desde o punto de vista enerxético, a través de medidas clave como a dedución verde no IRPF para os galegos que melloren a eficiencia enerxética na súa vivenda, o plan de aforro enerxético e eficiencia enerxética no sector primario, o Ecobarrio de Ourense ou as axudas para a renovación de vehículos.
Asemade, incidiu en que Galicia é a terceira comunidade que máis está a reducir as súas emisións de CO2 á atmosfera.
COIDAR DOS NOSOS MONTES
Así mesmo, afirmou que protexemos Galicia coidando dos nosos montes, porque poñelos en valor é un dos mellores xeitos de previr e reducir os incendios. Deste xeito, sinalou que se erradicaron máis de 3.000 puntos de vertido incontrolado nos últimos 20 anos, hai un sistema público de limpeza das faixas máis próximas ás vivendas máis eficiente, e puxéronse en marcha 11 aldeas modelo, un proxecto pioneiro ao que 60 concellos solicitaron unirse.
Relacionado con este ámbito, Feijóo incidiu en que seguirase defendendo con rotundidade o sector forestal, xa que Galicia é a novena potencia en Europa. Por outra banda, sinalou que acádase unha Galicia máis verde impulsando as enerxías renovables. Así, hoxe máis do 82 por cento da electricidade que consumimos provén de fontes renovables, aumentaremos a potencia eólica instalada nun 15 por cento entre 2019 e 2020, e ao final deste ano teremos instaladas un total de 8.000 caldeiras de biomasa.
No que respecta ás rías galegas, o presidente do PPdeG apuntou a un investimento de máis de 1.100 millóns de euros en actuacións de saneamento e de abastecemento. A estas actuacións, engádense máis de 13,5 millóns de metros cadrados recuperados a disposición das mariscadoras e a supresión nos últimos cinco anos de máis de 200 focos contaminantes das rías galegas.
Tamén a mellora da mobilidade facilita protexer a Galicia verde. Para isto, Galicia incrementou en 220 quilómetros as estradas libres de peaxe, ao tempo que Galicia ten as autoestradas autonómicas máis baratas de España: “Hoxe, oito de cada dez galegos viven a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións”.