Santiago, 11 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que os populares “non somos alleos ao mar porque somos o partido que máis se parece a Galicia, e Galicia é mar: logo nós somos mar tamén”.
Así se expresaba Feijóo nun acto sectorial de pesca en Santiago, onde lembraba que, cando en 2009 tomou as rendas da Xunta, atopou ao sector nunha situación dura, con moitas menos cotas, co prezo do gasoil un 70% máis caro e cos prezos do peixe tirados. Esta situación comezou a mellorar na súa primeira lexislatura e, de feito, en 2012 o sector xa evolucionaba mellor, tras iniciarse proxectos de recuperación de zonas improdutivas e xerar 344 novos permex; aprobarse unha Lei de Pesca co consenso do sector e acadar que o prezo medio do peixe e do marisco fresco medrase un 20%.
Con respecto á actualidade, Feijóo subliñou que o panorama mellorou substancialmente, posto que as cotas medraron nun 13% en volume en un 55% en valor; recuperáronse case 8 millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros; e conseguiuse reverter a caída do número de permex no marisqueo.
Con todo, considera que un dos logros máis relevantes para a recuperación da ilusión polo mar foi o da suba da matrícula nas escolas náutico-pesqueiras e no Instituto Galego de Formación en Acuicultura: un 46% de incremento de matrícula. Por iso, coa intención de seguir nesta liña, na vindeira lexislatura o PPdeG propoñerá que a práctica sexa prioritaria e que o saber facer se transmita daqueles máis vellos aos que comezan.
Ademais, engadiu que o sector mellorou non só a súa achega ao PIB galego, senón que tamén conseguiu medrar a un ritmo superior ao período anterior. Por iso, “queremos seguir recuperando a ilusión polo mar porque sabemos que ten saída”, sentenciou.
PROBLEMAS SOLUCIONADOS
O líder dos populares galegos fixo fincapé en moitas das solucións que nos últimos anos se achegaron aos problemas que tiña o sector do mar. Deste xeito, lembrou que se instaurou un sistema de xestión pesqueira no noso litoral, punteiro a nivel mundial: os permex e o descanso dominical; impulsouse o proceso de profesionalización do marisqueo; iniciouse un proceso de consecución de cotas no Gran Sol; incrementáronse as cotas de pesca; recuperáronse millóns de metros cadrados de areeiros; e traballouse e para que os bateeiros teñan maior seguridade xurídica, facendo que se reiniciaran os tempos das súas concesións.
Grazas a este tipo de accións, Feijóo destacou que Galicia segue a ser hoxe en día unha potencia no ámbito pesqueiro. De feito, posúe máis da metade do emprego marítimo de España e o 10% da UE; desembarca case o 70% da pesca fresca de España e máis dun 10% da UE e produce o 85% da conserva española de peixes e mariscos.
O PPdeG QUERE FUTURO PARA O MAR E OFRECE SOLUCIÓNS
Feijóo subliñou que o mar segue sendo un espazo de oportunidades de vida, porque forma parte da vida de Galicia. Por iso, o PPdeG desenvolverá o Plan de Acción de Desenvolvemento, Competitividade e Sostibilidade da pesca costeira artesanal de Galicia, para que esta siga sendo un piar fundamental da nosa vida mariñeira; e tamén incrementará case o dobre os fondos que vai xestionar o propio sector para promover os Grupos de Acción Local de Pesca.
Da mesma maneira, Feijóo fixo fincapé en que, co fin de mellorar a produción do noso sector miticultor, os populares están a traballar nun plan de modernización das bateas cunha triple finalidade: acadar unha maior calidade dos produtos, incrementar a produción actual e acadar unha maior sostibilidade ambiental. Para iso, destinaranse 30 millóns de euros nos vindeiros tres anos para que se poidan renovar e ampliar as estruturas das bateas, tal e como demandaba o sector.
O presidente dos populares galegos asegurou que van a seguir achegando solución aos retos que se poñan por diante, como o das cotas. Neste senso, afirmou que seguirán aportando datos científicos que permitan aumentalas.
Así, Feijóo destacou que os populares propoñen que a estabilidade relativa sexa relativa de verdade e que o Brexit sexa oportunidade de sobordala.
Por outra banda, ante o reto coa burocracia, indicou que os populares buscarán simplificar a normativa, coordinar os controis e rebaixar as taxas, e propoñerán que un botiquín sexa unha ferramenta de seguridade e non un problema.
No que atinxe aos descartes, apuntou a intención do PPdeG de aumentar a flexibilidade e adecuar esta obriga de desembarque ao funcionamento da nosa flota, propoñendo que o aproveitamento de todo o peixe sexa realidade.
Feijóo tamén explicou que, no relativo á normativa, os populares propoñerán que as normas sexan acaídas á pesca galega porque queren cumprir pero non atrancar a actividade; e que, cara ao marisqueo, poñerán sobre a mesa que nas nosas rías se sigan mellorando os saneamentos para seguir avanzando na calidade das augas.
Do mesmo xeito, Feijóo tamén fixo fincapé na proposta do PPdeG de dotar á acuicultura dunha Lei que naza baixo a codirección e o consenso de todo o sector para ter as máximas garantías; e tamén na intención de que o comercio mundial sexa un campo aberto á competitividade e non unha ameaza por xogar cunha man amarrada.
O presidente do PPdeG tamén abordou o reto do furtivismo, para o que se afondará na coordinación entre os corpos implicados nesta loita, para que chegue a niveis exhaustivos e que a seguridade alimentaria sexa plena cun control de toxinas áxil.
En canto aos portos, sinalou que os populares buscan que estes sexan espazos operativos seguros onde asentar actividades conexas e dispor dunha loxística que garanta a distribución das nosas mercadorías en prazos competitivos. Por iso, traballarán para que os 128 portos sexan unha rede coa que pescar o gran tráfico de PostPanamax e os movementos de transporte do noroeste peninsular.
TRIPULAR UN BARCO CHAMADO GALICIA
Como destacou o líder dos populares galegos, coñecen estas teimas e queren resolvelas porque o PPdeG non se achega ao sector só cando hai eleccións, senón que está sempre ao seu carón, por iso sabe como se solucionan os seus problemas: traballando man con man se sector: coas confrarías e coas súas federacións; e co Consello Galego de Pesca.
Por iso, concluíu pedindo aos alí presentes que reflexionasen por quen apostarían como tripulación para un barco chamado Galicia. Neste senso, apuntou que non lles ía pedir o voto porque “quen sabe enfrontarse ao mar galego e traballa nel todos os días é sensato de máis para tomar esa decisión importante e para dicir si ao futuro de Galicia e ao deste sector pesqueiro clave na nosa terra”, sentenciou.