O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu aos maiores que vaian votar o próximo 12 de xullo, porque o futuro de Galicia tamén lles pertence e hai que construílo con eles.
Deste xeito se expresaba nun mitin en Nigrán, no que amosaba o seu compromiso cos maiores, remarcando que hoxe hai catro veces máis dependentes atendidos e que os populares seguirán investindo neles.
Logo de indicar que o PPdeG ten xestión e programa no económico, subliñou que tamén o ten no social, apuntando que, ademais de estar comprometidos cos maiores, tamén o están coa saúde, coa solidariedade, coas familias e coa mocidade.
COMPROMISO COA SAÚDE E A SOLIDARIEDADE
O líder dos populares galegos asegurou que os avances na Sanidade pública foron útiles para responder á pandemia e que, no exame máis difícil da súa historia, Galicia e todo o persoal sanitario tiveron unha resposta de sobresaínte. Neste senso, puxo en valor os novos hospitais públicos e as ampliacións, o equipamento e a renovación tecnolóxica, así como tamén os servizos de teleasistencia e de hospitalización a domicilio.
Tras afear aos que durante unha década falaron mal e intentaron mentir sobre a sanidade pública galega, remarcou que o Goberno central cualificou o traballo e a xestión durante a pandemia de excelente. Así, Galicia foi a primeira Autonomía en saír do estado de alarma.
No referido á solidariedade, puxo en valor que o Executivo da Xunta invista en rendas mínimas máis que nunca antes e que sexamos das poucas Comunidades que ten un complemento para as pensións non contributivas.
O LUGAR QUE MÁIS AXUDA ÁS FAMILIAS
Pola súa parte, salientou o compromiso coas familias, lembrando que non hai un lugar de toda España onde haxa máis axudas para elas que en Galicia. Ao respecto, insistiu en que non hai outro sitio que teña gratis a gardería para o segundo fillo e seguintes, que teña o dobre de prazas públicas que hai unha década, que dea a tarxeta benvida aos recén nacidos ou que impulsara as casas niño no rural.
Aínda así, afirmou que os populares seguirán reforzando a conciliación e aprobarán a Lei de impulso demográfico.
COMPROMETIDOS COA MOCIDADE
Feijóo tamén destacou o compromiso coa mocidade e recordou que hoxe contamos cunha Educación pública máis completa, competitiva, xusta e equitativa. Así, resaltou que Galicia ten os mellores resultados da súa historia, segundo o informe PISA; que a taxa de abandono escolar é a máis baixa da súa historia; e que hai máis plurilingüismo, máis profesores por alumno e máis ordenadores no ensino público.
O PARTIDO DA MAIORÍA
Aseverou que gobernará para todos os galegos, porque, tal e como incidiu, Galicia está por riba de todo. Unha Galicia, engadiu, que non quere que se traslade á nosa Comunidade a política da división, tan estendida en España. Por este motivo, defendeu non converter os comicios nun pulso entre cidadáns, xa que, segundo indicou, o PPdeG non é un partido de enfrontamentos, senón de unidade: “Por iso, somos o partido da maioría”.
Así mesmo, Feijóo fixo fincapé en que o PPdeG se presenta para que os galegos vivan mellor, para cumprir o seu programa, para non fracturar “e, para cando veñan mal dadas, sexamos un pobo de fiar”.
No referido ao compromiso con Nigrán, o presidente dos populares galegos puxo en valor o novo centro de saúde en Panxón, as sendas peonís, a depuradora e as axudas para dependencia, que 320 maiores cobran todos os meses.