O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentou esta mañá un equipo preparado para dar respostas inmediatas sen perder o tempo no innecesario.
Así, ante a posibilidade dun rebrote do virus, dixo que os galegos poden estar seguros de que terán a mellor xestión na Sanidade para contelo e atender a todas as persoas que o precisen; e que, ante as consecuencias económicas que trae a pandemia, poden estar seguros, tamén, de que haberá equipo, programa e propostas para facerlle fronte.
Acompañado do presidente nacional, Pablo Casado, Feijóo sostivo que tanto os galegos como os españois poden estar seguros de Galicia, xa que é unha Comunidade que une e que está sempre do lado das solucións, do entendemento, da cooperación e do proxecto. Así, apuntou que a Galicia non lle interesan os muros, senón tender pontes: “O obxectivo dun responsable político é non fracturar”. E salientou que a nosa Comunidade, ademais de ser sempre solidaria, é “a casa” de todos os españois.
GALICIA RESPONDE CON SENTIMENTO E SENTIDIÑO
Tras gardar ao inicio do acto un minuto de silencio en memoria dos falecidos polo Covid-19, Feijóo resaltou o traballo dos profesionais sanitarios e sociosanitarios, dos que desempeñaron os servizos esenciais, así como tamén dos fogares galegos. E dixo que Galicia, ademais de responder á pandemia con sentimento e con sentidiño, fíxoo como unha familia unida.
“A dor polas perdas irremediables quedará na nosa memoria, pero os resultados do esforzo desta familia que se chama Galicia, tamén”, indicou Feijóo. “É e será -engadiu- referencia dun pobo que respondeu a todos os retos con antelación”.
Tal e como salientou, durante estes meses producíronse moitos cambios, pero o que se mantivo inalterable foi “o orgullo de pertencer a Galicia”; ao igual que a súa convicción de que a nosa Comunidade é quen de superar calquera dificultade, e a súa determinación para dar todo por Galicia e estar ao servizo de todos os galegos: “Se ten sentido a política é para, nestes momentos de dificultades, estar a disposición de Galicia, a mellor e maior honra para un galego”.
“SER PRESIDENTE DE TODOS OS GALEGOS”
Así, salientou que, unha vez volta a actividade electoral, o PPdeG estará unicamente ao que hai que estar: a Galicia. Por iso, avogou por investir todas as enerxías e todo o tempo en aportar respostas e en facer propostas.
Sinalou que, o próximo 12 de xullo, os galegos terán que decidir entre dúas opcións: un equipo que funcione, dea certezas e xestione mellor, como o do PPdeG; ou o saínte da suma de catro partidos.
Remarcou que non existe maior honra que servir a Galicia. Por iso, indicou que non se presenta para liderar un bloque de partidos fronte a outro, nin para deberse a un socio ao que deberlle a presidencia nin para derrotar a ninguén, senón que se presenta para “ser presidente de todos os galegos” e deberse só a eles.
RESPECTO E RESPOSTAS
Destacou a actuación da Xunta durante estes meses, e puxo en valor a súa capacidade para anticiparse, reaccionar, actuar con claridade e dar respostas. Por iso, fronte aos que avogan polas divisións, os enfrontamentos, as subastas polo poder, as imposicións, o PPdeG propón aos galegos reforzar a confianza nas posibilidades de Galicia, xestionar e dar certezas ante todo o que vén por diante.
“Os seres queridos das miles de persoas que perderon a vida estes meses en España merecen respecto. E os millóns de españois que agora ven o futuro con preocupación precisan respostas”, dixo Feijóo.
Para rematar, Feijóo tivo palabras de agradecemento para Pablo Casado, por preocuparse polos galegos e demostrar que Galicia lle importa: “Interesásteste por Galicia moito máis que a maioría de responsables do Goberno”. E fixo fincapé no seu coñecemento dos problemas e prioridades de Galicia e referiuse ao peche de Meirama, das Pontes e de Alcoa, así como tamén á paralización das fragatas en Ferrol, sobre o que remarcou que Casado non comparte estas decisións. “Galicia está na cabeza e no corazón do líder da oposición”, sentenciou Feijóo.