09, maio, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, propuxo a todos os que preferían outro Goberno de España unan agora o seu voto no Partido Popular para pasar da decepción de abril á vitoria de maio.
O líder do PPdeG incidiu en que o PP é un partido amplo no que tamén caben os votantes de Ciudadanos e os votantes moderados doutros partidos. Así, ante o PSOE, as Mareas de Podemos e os nacionalistas, que se alían sempre que poden, o líder do PPdeG avogou por “un pacto moi claro nas urnas”: a unión no Partido Popular para obter gobernos para todos. Neste senso, sinalou que, estando xuntos, foille mellor a España, vaille mellor a Galicia e iralle tamén mellor aos concellos e ás cidades.
VOLVAMOS UNIRNOS E GAÑAREMOS
“Se queremos volver sentir a decepción do pasado 28 de abril, podemos votar separados, pero se queremos vivir unha noite electoral de vitoria, temos que votar xuntos”, salientou Feijóo, que propuxo a unión na experiencia e na xestión; en candidatos con valía acreditada; na moderación e no sentidiño; e nun proxecto que defenda a unidade do país, ao tempo que un profundo amor por Galicia e por España.
Así mesmo, indicou que, de cara o 26 de maio, é preciso non deixar que as Eleccións Xerais eclipsen a próxima cita coas urnas e ter en conta que o PSOE se entregou ás Mareas de Podemos e ao nacionalismo nos concellos; formacións que supoñen parálise, división e sectarismo. Por iso, destacou que, se cada galego avalía a situación do seu municipio, os candidatos, os equipos, os programas, a experiencia e como funcionaría mellor o seu municipio, confiará nestas eleccións no Partido Popular.
A IMPORTANCIA DE GALICIA EN EUROPA
Durante a tradicional pegada de carteis que tivo lugar en Santiago, o líder do PPdeG, do mesmo xeito que pediu o voto para o Partido Popular nas Eleccións Municipais, pedino para as Europeas, por estar en xogo os intereses da nosa comunidade.
Así, fronte aos que non lles importou Galicia -uns empregaron o seu escano para dicir que estaban en contra das vacinas e outros para promocionar o nacionalismo e o independentismo-, dixo que Millán Mon gañouse o respecto das institucións europeas defendendo a Galicia e a España.
AGUSTÍN HERNÁNDEZ, UN “ALCALDE PEONIL”
O presidente dos populares galegos apuntou a importancia de explicar as consecuencias da división do voto para evitar o acontecido nas Xerais. Así, recalcou que, son moitos os partidos que se presentan a estas eleccións, pero que só haberá un alcalde: ou é Martiño Noriega co soporte dos socialistas e nacionalistas, e para o que se poder votar Mareas de Podemos, PSOE ou BNG; ou é alcalde Agustín Hernández, para o que só hai unha vía: votar ao Partido Popular.
Do candidato popular destacou que é “un alcalde peonil”, que coñece cada unha das rúas de Santiago e tamén todas as pistas do rural. Para rematar, salientou que o PP “xa está en pé” para estar ao lado dos nosos veciños, para afrontar unha nova campaña e para volver gañar.