O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou o seu compromiso coa Coruña, para seguir mellorando os seus servizos públicos e ofrecer máis oportunidades para a cidade. Despois dos moitos avances durante os últimos anos, asegurou que agora máis ca nunca a súa ilusión é que A Coruña siga adiante, e mostrouse convencido de que, pese as dificultades pola pandemia do Covid-19 que se está vivindo, será posible conseguilo xuntos.
O presidente dos populares galegos detalla, a través dun vídeo -publicado na súa conta de Twitter- as principais actuacións da Xunta na urbe. Trátase dunha acción conxunta ao resto das grandes cidades, nas que se fai un repaso polos principais fitos e investimentos desde 2009. A través deste vídeo, preténdese poñer en valor todo o traballo realizado nestes anos.
A Coruña#GaliciaGaliciaGalicia pic.twitter.com/ABhkT3gKOd
— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) June 24, 2020
A ADMINISTRACIÓN QUE MÁIS INVISTE
A Administración que máis inviste na Coruña é a Xunta, un compromiso que, segundo Feijóo, fíxoa avanzar moito nos últimos anos. Precisou que aínda queda moito por facer, pero que xa demostramos que xuntos fomos capaces de afrontar os desafíos.
Feijóo sinalou que antes de que o Covid-19 o cambiara todo, o que quería calquera coruñés era seguir mellorando os servizos públicos e máis oportunidades para a cidade na que viven. E, aínda que as prioridades de todos se reconfiguraron nos últimos meses, ratificou que o seu compromiso coa Coruña segue intacto.
Grazas a este compromiso, subliñou, a cidade conta hoxe cun Hospital público mellorado, tras a ampliación de urxencias, a renovación do novo bloque cirúrxico e a nova central de esterilización; ao que se unirá o novo que está en tramitación neste momento. Este novo Hospital Público é o proxecto sanitario máis importante que ten a Administración galega enriba da mesa e disporá dun investimento de 395 millóns de euros. A área sanitaria tamén conta co novo centro de saúde en Novo Mesoiro.
MÁIS PRAZAS EN GARDERÍAS
Desde o ano 2009, foron numerosas as actuacións desenvolvidas para apoiar ás familias en todos os ámbitos: desde máis medidas de conciliación ata as de apoio aos maiores, reforzando a atención en dependencia e nos fogares, ou na educación pública, con máis centros educativos.
No balance destes anos destaca a construción e posta en marcha dos centros de día de Monte Alto e Eirís, así como as melloras na residencia Torrente Ballester. Coa nova residencia en Eirís, nunca década, o número de prazas públicas para maiores na cidade terase incrementado nunha porcentaxe do 138 por cento. E en canto a ratio en prazas de garderías, o crecemento tamén foi significativo, pasando do 24 por centro que se rexistraba no ano 2009 ata chegar ao 38 por cento.
Ademais, duplicouse o número de prazas públicas para persoas con discapacidade. Preto de 25 millóns de euros se destinaron a axudas de inserción laboral, e tamén recibiron apoio máis de 2.000 familias en risco de exclusión social.
MELLORA DA MOBILIDADE
Despois de que fose atendida a demanda de que os autobuses interurbanos entrasen ata o centro da cidade, agora estase a traballar na renovación total de liñas de transporte interurbano que chegan á Coruña, o que fará posible a conexión directa desde Cambre ou Culleredo cos hospitais CHUAC, Materno Infantil e Abente y Lago. Reforzáronse, por outra banda, as conexións co aeroporto de Alvedro e cos polígonos industriais.
A mobilidade ten experimentado importantes melloras grazas a obras tan demandadas como as do Túnel do Parrote, a Terceira Ronda, a Vía Ártabra ou os accesos ao Polígono de Sabón. Ademais, a estación intermodal da Coruña vai supor un cambio radical na cidade.
SANEAMENTO DA RÍA DO BURGO
O líder do PPdeG lembrou todas as actuacións autonómicas para o saneamento da Ría do Burgo, tras un investimento de 100 millóns de euros. En canto aos terreos portuarios (nos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, e na zona da Solana), a Xunta foi a única administración que garantiu recursos para a titularidade pública dos mesmos.
A rehabilitación de edificios emblemáticos, como o da Fábrica de Tabacos, que hoxe acolle o novo edificio xudicial, foi outra das liñas de acción. Tamén a do Espazo Amizar, que fará posible dar un novo sentido á antiga sede de Sanidade.