Resalta que Galicia deu unha a lección de xestión durante a pandemia mentres o Executivo central dimitiu de todas as súas responsabilidades
O líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou a política que leva aos Parlamentos as preocupacións dos cidadáns fronte á que quere trasladar ás Cámaras a crispación dalgúns partidos; e explicou que é fundamental non dividir, unir á xente, buscar solucións aos problemas e intentar dar resposta á demanda dos cidadáns, que é o que fai o PPdeG.
Pola contra, lamentou que o Goberno central sexa o maior exemplo dunha política irresponsable que non interesa aos cidadáns e que tampouco está ao servizo deles. Sobre isto, manifestou que Pedro Sánchez utiliza as ferramentas do seu Executivo para tapar as súas debilidades e emprega os Fondos Europeos, o Sistema de Financiamento Autonómico ou os Orzamentos para servir aos seus socios, porque con iso sérvese a si mesmo.
Feijóo tamén cuestionou que o dirixente socialista permitise o descrédito institucional do noso país e conseguise a dubidosa honra de ser o primeiro presidente que ten ministros aos que non pode cesar. Igualmente, lamentou que Sánchez metese a España nunha espiral de inflación, déficit desbocado e subas masivas de impostos; aprobase uns Orzamentos cun cadro macroeconómico ficticio e atacase a todos os sectores.
O presidente insistiu en que, se ao Goberno non lle gusta España, “menos lle vai gustar Galicia, que nin sequera lles vota” e recordou que, se na crise de 2008 o PSOE castigou á nosa Autonomía coa súa improvisación, nesta ocasión pretende facelo cunha mala planificación.
Segundo precisou, tampouco son útiles nin responsables coa Comunidade os partidos cuxo único proxecto é importar a división e a confrontación das formacións soberanistas, cun modelo de creba institucional, de destrución de empresas e de empobrecemento do tecido produtivo. Ao respecto, criticou o engano dos que apoiaron e seguen apoiando estas ideas pero que as disfrazan porque saben que non dan votos.
O BALANCE DUNHA GALICIA MELLOR
Durante a súa intervención na Interparlamentaria do PPdeG, o presidente apuntou que, tras un 2021 no que tivemos que loitar contra a pandemia, Galicia volveu dar unha lección de xestión mentres o Goberno central optou por dimitir de todas as súas responsabilidades e renunciou a todo o que implicaba tomar algunha decisión.
Como indicou, a Xunta tamén fixo unha política económica axeitada: aprobáronse en tempo e forma os Orzamentos para 2022, investíronse máis de 600 millóns de euros en axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia e conseguiuse que a nosa economía volvese ao ciclo virtuoso que vivía antes da Covid.
No que respecta á Sanidade, dotóusenos de equipos punteiros e terapias de vangarda, arrancou un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, empezaron a funcionar as primeiras fases do Plan de Saúde Mental e a Comunidade segue exercendo as súas competencias para dotar á Atención Primaria de máis profesionais. “Pedimos convocatorias extraordinarias de MIR e dividir as especialidades de médicos de familia e médicos de urxencia hospitalaria, pero a resposta do Goberno central é non. Que van facer para non estrangular os servizos de saúde de toda España ante a xubilación dos médicos de familias e dos pediatras de Atención Primaria do ano 2021, 2022 e 2023?”, declarou.
De igual xeito, salientou o avance en servizos fundamentais para seguir acompañando aos galegos durante toda a súa vida, como a gratuidade total da educación infantil de 0 a 3 anos, a elaboración e presentación do novo modelo de residencias e o deseño dun Plan de choque en dependencia.
Feijóo tamén lembrou que se volveu actuar en todos os niveis educativos impulsando medio milleiro de melloras en colexios e institutos a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, superando o récord de matriculados en FP e blindando as universidades públicas co Plan de Financiamento máis ambicioso da historia.
Así mesmo, aseverou que a mellor maneira de continuar construíndo a Galicia no futuro é seguir planificando proxectos clave para os vindeiros anos, coa aprobación do Plan Estratéxico 2021-2030 ou co impulso de leis no Parlamento. Ademais, o presidente aclarou que defender os intereses da Comunidade implica exercer a responsabilidade en todas as Cámaras, pois “ser deputado do PPdeG implica ser un delegado de Galicia”.