Destaca a unidade e a capacidade de decisión do Goberno autonómico e resalta a cordialidade dunha Galicia que sempre aproba as contas a tempo
O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou a serenidade e o sosego do PPdeG para facer política e para lograr unha España distinta que recupere a seguridade en si mesma.
Así, cuestionou que haxa un Goberno central dividido y receloso entre si, no que aprobar cada medida custa unha polémica, que fai política ata coa lingua, que presenta os seus orzamentos fóra de prazo e que leva sete anos sen debate sobre o Estado da Nación.
Ante isto, puxo en valor a unidade do Executivo galego e a súa facilidade para tomar as decisións, así como a Galicia cordial na que se respecta o galego e o castelán e na que se aspira a falar inglés, esa mesma na que se aproban as Contas a tempo e que celebra o Debate sobre el Estado de la Autonomía sempre cando corresponde.
Nese senso, manifestou que quen queira encontrar exotismo político atoparao na normalidade de Galicia, xa que hoxe, entre tanta división e axitación, o revolucionario é a serenidade. Ademais, indicou que o erro foi pretender estender ao conxunto de España a tensión que os independentistas instalaron nas súas Comunidades, precisando que a solución é facer unha política sosegada como en Galicia.
ORGULLOSOS DOS PRINCIPIOS
Durante a Xunta Directiva do PP da Coruña e tras destacar que estamos ante un ano clave no que a formación ten que seguir dando pasos na posta a punto para as municipais de 2023, Feijóo subliñou que os populares non son unha plataforma personalista, unha forza populista nin un coro de adoradores ao líder, senón que son un equipo inmenso que transcende aos liderados e ás persoas, un partido que naceu desde Galicia para responder aos retos de España e que se sente orgulloso da súa historia e dos seus principios.
Pola contra, afeou a actitude do PSOE, capaz de traizoar o que di defender só para chegar ao poder, engadindo que ningunha investidura, ningún orzamento e ningunha lei vale o custo que pagan os socialistas por abandonar o seu sentido de Estado e por lavar a cara a algunha das peores partes da política deste país.
Igualmente, salientou a importancia de ser fiel aos principios porque só así se pode dicir a verdade á xente. No caso do PP, recordou que toda Galicia sabe cal é a súa ideoloxía: un partido galeguista, constitucionalista, europeísta, reformista e que cre nunha sociedade libre e aberta, no progreso económico e no emprendemento, nuns servizos públicos de calidade e nunha política libre de dogmas, cuxo único obxectivo é o servizo á sociedade.
Neste sentido, cuestionou as tácticas do BNG, que quere mentir aos galegos dicindo que cambiou de ideas e que, despois de 40 anos sendo independentista, agora é soberanista e moderado, todo isto mentres os nacionalistas van ás manifestacións a pedir a independencia do País Vasco e camiñan da man de Otegi. “Non se pode tomar aos galegos por parvos porque son moi listos e saben distinguir a mentira e a verdade”, recalcou.
UN GOBERNO EN CAMPAÑA QUE NON SOLUCIONA NADA
Na súa intervención, Feijóo apuntou que o noso país vive un momento dunha extraordinaria complexidade económica e política, un contexto ante o que calquera Goberno serio centraría todos os seus esforzos en tentar reverter esta situación e acertar nas políticas de recuperación.
Sen embargo, lamentou que, mentres, o Executivo de Pedro Sánchez está en plena campaña electoral, cunha parte tentando desgastar á outra, cun partido traballando para intentar que a nova líder non lles coma terreo. “Isto non é serio e España non se merece un Goberno que ocupa máis tempo en darse codazos e en promocionar proxectos persoais duns e doutros que en gobernar”, expresou.
Segundo resaltou o presidente, a política debe preocuparse do mesmo que preocupa á xente, explicando que aos españois non lles interesan os problemas internos do Executivo central, senón saber se van ter un traballo digno, unha pensión decente, se lles van a subir os impostos ou canto vai penalizar a inflación aos seus aforros e ao seu poder adquisitivo. Como sinalou, eses son os problemas aos que hai que dar resposta e o proxecto do PP debe ser o encargado de aportar solucións útiles a estas cuestións, sendo esta unha encomenda para a que os españois confiaron sempre nos populares.