14, maio, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, durante a súa participación nun encontro sectorial de pesca en Vigo, que Galicia e o sector necesitan do mellor equipo para dar a talla en Europa e defender a nosa pesca “sen sectarismos nin partidismos”.
Así, avogou por contar cos mellores defensores do sector e de toda a cadea mar-industria e incidiu en que, precisamente, é o PP no Parlamento Europeo quen ten ese equipo: “Pesca e Partido Popular son o mesmo. A nós interésanos a pesca e á pesca interésalle que haxa gobernos sólidos en Europa”.
OS RETOS DO SECTOR
Acompañado pola candidata do PP á alcaldía de Vigo, Elena Muñoz, e polos candidatos ao Parlamento Europeo, Francisco Millán Mon e Dolors Montserrat, Feijóo repasou durante a súa intervención os retos a curto, medio e longo prazo, entre os que destacou: a reformulación do regulamento de control, a definición do novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para o período 2021-2027, a reconfiguración dos mercados da pesca e das propias pesquerías despois do Brexit, o desbloqueo de estradas entre Mauritania e Marrocos, as paralizacións ou detencións de buques en países terceiros ou a firma de acordos pesqueiros con países de África, Asia ou Oceanía.
O presidente do PP de Galicia incidiu en que destes procesos dependerá a superación dos retos que ten o noso sector marítimo-pesqueiro. Retos coma: a remuda xeracional e a renovación da flota, a obriga de desembarque de todas as capturas, conseguir máis e mellores cotas ou acadar a sustentabilidade da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola.
UN PARTIDO QUE CONVENCE CON “CONTAS E NON CON CONTOS”
Diante dista situación, Feijóo incidiu na importancia destas eleccións europeas para escoller aos mellores defensores da nosa pesca e, para levar adiante este traballo, avogou por contar co mellor equipo e convencer como fai o PP: con “contas e non con contos”. Así, salientou que a Europa non se pode ir nin con slogans nin con chascarrillos, porque a política sen argumentos e sen datos non é útil.
O presidente dos populares galegos concluíu subliñando que o PP sabe ben que sen traballo non hai resultados positivos e incidiu en que o traballo e a interrelación co sector son a clave para acadar beneficios e avances para o sector marítimo-pesqueiro en Europa. E é que, tal e como remarcou, sen o traballo que o PP realiza en Europa non veríamos como: desde 2009, as cotas globais para España nas augas do Cantábrico, Noroeste, Gran Sol e Francia medraron case un 90%, máis de 12,5 millóns de metros cadrados de zonas de marisqueo foron recuperados, somos xa a décima potencia exportadora mundial de produtos pesqueiros, a matrícula nos centros de formacións marítimo-pesquera aumentou nun 46% e se reverteu a liña para crear de novo emprego, medrando desde 2015 nun 3%.