Alberto Núñez Feijóo valorou hoxe positivamente a celebración da VI Conferencia de Presidentes e subliñou que entre os acordos acadados figuran os de especial relevancia para Galicia. “Estamos a falar dun encontro positivo polos 12 acordos adoptados. E positivo porque entre eses acordos figuran os de especial relevancia para Galicia e, agora, as principais preocupacións da comunidade forman parte das principais preocupacións de España”, aseverou, precisando que Galicia puxo enriba da mesa unha peza separada na Sanidade para afrontar o financiamento das autonomías -“e foi aceptada”-, así como un pacto pola demografía no país, asunto que tamén foi aceptado e con data: 2017.
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo afirmou que a Conferencia de Presidentes acreditou que unha España máis autonomista é compatible cunha España que traballa en conxunto. E, logo de recoñecer que queda moito traballo por diante, destacou os doce principios de acordo xa coñecidos e que afectan a diferentes materias -financiamento autonómico; demografía; educación; regulamento da Conferencia; protección civil; unidade de mercado; relación coa UE; políticas de emprego; tarxeta social; subministro eléctrico; refuxiados e violencia de xénero-, referíndose máis polo miúdo aos catro primeiros.
No tocante ao regulamento da propia conferencia, Feijóo resaltou o acordo de que a celebración destas reunións deixe de ser excepcional, fixándose unha periodicidade concreta no calendario e que ademais se reforcen os mecanismos de preparación e seguimento das mesmas.
No eido do pacto pola educación, Feijóo afirmou que nese entendemento que deberá buscarse nas Cortes é bo que se teña en conta a opinión das Comunidades. Ao respecto, considerou determinante que se acordara celebrar un debate monográfico sobre educación na Comisión xeral das comunidades do Senado.
En relación ao reto demográfico, o responsable autonómico recordou que Galicia leva moito tempo dando prioridade a este asunto e traballando individual e colectivamente xunto a outras comunidades. “E o que interesa é estender ese debate e que forme parte da axenda do Goberno para que este á súa vez asuma que ten que ser un debate da Unión Europea”, dixo, facendo fincapé na necesidade dunha estratexia europea, “unha estratexia da Unión, dos estados e das comunidades e rexións que conformamos eses estados”.
Así mesmo, agradeceu a posta en valor do traballo que Galicia e outras comunidades levan desenvolvido ata agora e o feito de que se vaian ter en conta para elaborar unha estratexia nacional de demografía que se presentará neste ano.
Por último, Feijóo destacou o punto de encontro para traballar conxuntamente durante todo este 2017 co obxectivo de acordar un novo modelo de financiamento, destacando a coincidencia unánime de que este modelo debe ser acordado entre todos, “porque afecta a todos”, e de que debe analizarse dándolle relevancia á Sanidade pública.
“O que conseguimos foi falar de demografía, de sanidade.. e concluír nun concepto básico que é o custe efectivo dos servizos, é dicir, o que custa prestar de forma efectiva os servizos que damos. E iso depende de factores como a poboación, a idade e a dispersión”, precisou.
O presidente da Xunta reiterou a necesidade de que a negociación dun novo modelo sexa multilateral e que para que se cambie o actual sistema haxa un acordo sobre pensións e sobre sanidade.