20 de xaneiro de 2023. O Partido Popular e os veciños da comarca de Ferrolterra mostraron hoxe a través dunha concentración en Ferrol o seu apoio ás vítimas de agresores sexuais, clamando a Sánchez pola rectificación da lei do só si é si e o cesamento inmediato da ministra de Igualdade.
Co lema Sánchez, polas vítimas, rectificación si ou si, os presentes quixeron poñer de manifesto a súa repulsa cara ás consecuencias que está a ter a aplicación desta lei. “O Goberno ten que rectificar ante esta barbaridade que nos está levando a ver cada día un goteo constante de condenas rebaixadas e de delincuentes sexuais na rúa antes de tempo”, afirmaba respecto diso a secretaria xeral do Partido Popular de Galicia.
Paula Prado estivo acompañada do presidente do PP de Ferrol, José Manuel Rey, e doutros representantes da formación na comarca. Todos eles quixeron así mostrar o apoio do Partido Popular ás vítimas e ás súas familias, anunciando ademais que cada vez que haxa unha redución de pena a un delincuente sexual volverán saír á rúa para reclamar a Pedro Sánchez que “rectifique si ou si”.
“Desde a entrada en vigor desta lei reducíronse máis de 200 penas en toda España e Galicia é, por desgraza, a segunda comunidade onde máis delincuentes viron rebaixada a súa pena (21). Hai que poñer o foco nas vítimas, que son mulleres e nenos. Para todos eles non hai nada peor que ver saír ao seu agresor do cárcere antes de tempo. Non podemos mirar cara outro lado. Isto non é un chiste”, asegurou a secretaria xeral dos populares galegos.
Paula Prado tachou a Pedro Sánchez de “covarde” por non cesar nin á ministra nin á secretaria de Estado de Igualdade “por rirse das vítimas” e non dubidou en cualificar de “soberbia” a actitude do Goberno central na súa negativa para rectificar esta lei. “O que ía pasar advertímosllo nós, advertiullo o Consello Xeral do Poder Xudicial e agora repróchanllo ata voces destacadas do PSOE e de Podemos. Pero non nos fixeron caso. Que máis ten que pasar para que o Goberno de Sánchez rectifique?”, concluía.
JOSÉ MANUEL REY: “NON ENTENDEMOS ESTE SUFRIMENTO GRATUÍTO”
O presidente do PP de Ferrol fíxose eco do dramático caso que se produciu esta mesma semana na localidade como consecuencia da aplicación da lei do só si é si, cun pai que abusou sexualmente da súa filla de 13 anos e que acaba de ser condenado a 11 anos de cárcere e segue en liberdade condicionada.
“Feitos como estes son deleznables e a lei debe sempre estar á beira das vítimas, non dos seus agresores” afirmou José Manuel Rey á vez que engadía: “Ninguén entende esta redución de penas aos agresores que só condena á vítima a un duro e longo sufrimento”.
Este caso en Ferrolterra non é, por desgraza, o único. Xa que o número de sentenzas favorables aos agresores sexuais continúan en aumento co beneplácito do PSOE, mediante a aprobación de leis que lle impoñen os seus socios sen ter en conta as súas graves consecuencias. Algo que o líder o dos populares ferroláns rexeita firmemente: “En política non todo vale. Non podemos consentir este tipo de situacións e tampouco podemos entender como en Ferrol o PSOE, Ferrol en Común e o BNG están calados ante feitos tan graves”.
Rey Varela sinalou non entender este “sufrimento gratuíto” ao que están a condenar ás vítimas: “Todos temos fillas, esposas, nais, amigas… nas nosas familias, no noso círculo de amizades ou no noso traballo e non podemos consentir que, se sofren uns feitos tan deleznables como un abuso sexual, o seu agresor non reciba a máxima condena só por unha reforma caprichosa e incomprensible desta norma”.