O PPdeG amosa o seu rexeitamento á condonación da débeda ás comunidades autónomas proposta polo Goberno de Sánchez subliñando que “Galicia non pode ser comparsa do Entroido do independentismo catalán e no que o PSOE galego e o BNG están encantados de participar”.
A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, denunciou hoxe a este respecto que “para o Goberno central só existen o independentismo catalán e vasco e o resto, Galicia incluída, non lle importamos nada” e que “é obvio que o último que lles interesa é condonar a débeda ou facer algo bo polas comunidades autónomas”.
“Todo responde a unha estratexia maquiavélica de Pedro Sánchez e do PSOE”, asegurou manifestando a “vergoña” que lle produciu que ao longo desta semana o independentismo catalán “exercese de portavoz de Sánchez comunicando ás comunidades autónomas os recursos cos que contarán nos vindeiros anos”.
Para a número dous do PPdeG o que se demostrou no Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado onte é que do que se está a falar é de “condenar” máis que de condonar, xa que “a pesar do que afirma o Goberno central, non se vai condonar nin un só euro, senón que se vai trasladar a débeda e mutualizala entre todos os españois con independencia da xestión de cada goberno autonómico”.
Trátase, na súa opinión, dun “negocio que a Galicia non lle convén e co que o Goberno central pretende seguir financiando o Entroido independentista”. De aí que insistise na reclamación dunha “mellora do financiamento que necesitamos para poder cubrir todas as necesidades que existen en Galicia e ás que temos dereito.
NON ESTAMOS FALANDO DE CONDONAR, SENÓN DE CONDENAR
Paula Prado asegura que “quen diga que con isto gañamos algo, ou non sabe facer contas ou, directamente, non está a contar a verdade” e referiuse especificamente aos líderes do PSOE galego e do BNG, Xosé Ramón Gómez Besteiro e Ana Pontón, logo do acontecido onte no Pleno do Parlamento de Galicia.
“É decepcionante que aqueles que din defender os intereses dos galegos estean a participar nunha comparsa que ten moi pouco que ver co que interesa a Galicia”, afirmou engadindo que o que estes están defendendo é “que Galicia teña que cargar con 600 millóns de débeda de todas as comunidades a cambio de aforrarse os 42 millóns en xuros que nos corresponden”. E a este respecto concluíu que “a débeda non desaparece”, senón que “será asumida entre todos os españois e suporá que cada galego deba pagar 220 euros máis”.
O FALSO FEMINISMO DA ESQUERDA
A secretaria xeral do PPdeG tamén comparou a “covardía” do BNG co Goberno de Sánchez coa demostrada por Ana Pontón ante a súa incapacidade para enfrontarse ao seu sindicato: “Con que cara se vai atrever a ir á manifestación do 8-M despois de calar ante un cartel sexista e machista contra unha conselleira?”
Considera unha “vergoña” que a líder do independentismo galego “non fose quen de deixar a súa soberbia a un lado e pedir desculpas por non rectificar ao seu sindicato” e, ademais, “leve un mes sen dar explicacións sobre a presenza dun condenado por abusos sexuais a unha menor nas listas do BNG nas municipais”.
“As galegas xa deixaron de crer na defensa das mulleres do BNG, de Ana Pontón e de toda a esquerda”, sentenciou sacando a colación a rebaixa da pena de prisión a outros dous dos condenados de ‘La Manada’ coñecida hoxe e en aplicación da Lei do ‘só si é si’ que “foi aprobada polo PSOE, Podemos e Sumar co apoio do BNG”.
Por todo isto, e á viste dos casos coñecidos recentemente na órbita destes partidos, Paula Prado conclúa: “A esquerda non ten que redefinir a súa estratexia feminista. O que ten que facer é un curso de deconstrución da súa masculinidade”.