O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, propuxo ao presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, na Xunta Directiva Provincial celebrada esta tarde, que Luis Menor sexa o presidente da xestora que estará ao fronte do partido a nivel provincial ata a celebración do XIX Congreso Provincial.
Nunha reunión celebrada na sede dos populares en Ourense, e que contou coa presenza do líder dos populares galegos e da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, Manuel Baltar argumentou a súa postura recalcando a importancia de contar cun liderado único na provincia: “O presidente da Deputación de Ourense debe ser o presidente do PPdeOU. Esta foi, é e será un dos eixos do incuestionable éxito deste partido, motor indiscutible do desenvolvemento deste territorio nas últimas décadas”.
“O partido é o máis importante e toda decisión debe tomarse pensando sempre no mellor para o partido. E teño moi claro que este é o momento de dar un paso a un lado”, sinalou Manuel Baltar. “Porque despois de case 14 anos ao fronte da organización política referencial da historia de Ourense, Luis Menor garante o mellor dos futuros para o Partido Popular en Ourense”. Un partido, debullou, “que ten no horizonte obxectivos coma as vindeiras eleccións autonómicas, fundamentais para Galicia e nas que esta provincia será un piar da vitoria do presidente Alfonso Rueda”.
RUEDA: “BALTAR PUXO OS INTERESES DA PROVINCIA POR RIBA DE TODO”
Pola súa banda, o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, agradeceu a Manuel Baltar todos estes anos de traballo e servizo leal a Ourense e a Galicia, con moitos éxitos electorais, e que fora unha decisión en coordinación co partido, sempre pensando no beneficio común.
Na súa intervención, Rueda definiu este paso como unha nova mostra de xenerosidade por parte de Baltar, e de poñer os interese da súa provincia por riba de todo. Agora, segundo salientou, está seguro de que seguirá traballando desde o Senado por Ourense e por Galicia.
Así mesmo, fixo fincapé en que, fronte ás liortas que se ven nos procesos doutros partidos, esta transición se estea a producir cunha enorme tranquilidade e unidade, igual que a que se fixo na Xunta e no PPdeG, pois só deste xeito se poderán seguir conseguindo os resultados desexados, engadiu.
Por último, animou ao novo equipo que se forme a partir de agora a empregarse a fondo, con intensidade, dado que hai moita xente na provincia confiada no que estamos facendo e en como o estamos facendo. Neste sentido, tamén considerou que Luis Menor é a persoa axeitada para liderar a xestora.
“TRABALLAREI PARA OS ÉXITOS DO PP, QUE SERÁN OS DE OURENSE E GALICIA”
Na intervención desta tarde, Manuel Baltar tamén expresou o seu “máis profundo agradecemento” a todas as persoas que o acompañaron nesta etapa, “un período no que sempre contei co máximo apoio, colaboración e respaldo da dirección autonómica e nacional do Partido Popular”.
“Deixo a presidencia do PPdeOU no seu mellor momento”, sinalou, “despois de 15 rotundas vitorias nas 15 convocatorias electorais celebradas dende xaneiro de 2010; superando o 50% do apoio en locais, autonómicas, xerais e europeas; e acadando fitos como ser a provincia co mellor resultado de calquera formación para contribuír ás vitorias de Mariano Rajoy e o ourensán Alberto Núñez Feijóo”.
“O PPdeOU ten músculo e capacidade, está preparado para cualquier reto nas urnas e seguirá medrando neste novo ciclo. E eu hoxe póñome, coma sempre, a disposición do meu partido: centrándome nas miñas responsabilidades no Senado e traballando para os maiores éxitos do Partido Popular, que serán os de Ourense e Galicia”, concluíu Manuel Baltar.