O Pleno do Parlamento de Galicia pecho hoxe o Debate sobre Política Xeral coa aprobación de 53 resolucións, das que sete saíron adiante por unanimidade.
A viceportavoz popular, Paula Prado, asegurou na súa intervención nesta última xornada que “todo se reduciu a dous modelos: a Galicia que goberna con sentidiño, con esixencia, con rigor, con estabilidade e con identidade propia que o noso grupo parlamentario e o Goberno que apoia ofrecemos aos galegos; e a Galicia que bloquea con ruído, con división, con confrontación e con visións cortoplacistas que os partidos da oposición pretenden impoñernos”.
A modo de balance do traballo feito ao longo deste primeiro ano de lexislatura, Paula Prado salientou que “podemos dicir que Galicia goberna, cunha sanidade pública gratuíta, universal e referente en Europa; co sistema educativo máis igualitario de España; con medidas para facer fronte ao reto do acceso á vivenda; con políticas que non deixan a ninguén atrás e coidan de todos os galegos; e consolidando os nosos sectores produtivos nos postos de liderado nacional en termos de produción e exportación”.
MÁIS FALAR COS GALEGOS
Neste sentido, pediu aos grupos da oposición “menos consultar o arquivo histórico do NO-DO e máis falar cos galegos, coas familias dos estudantes que se aforraron cartos coa matrícula universitaria; coas persoas que coidan aos dependentes; cos máis de 5.600 mozos e mozas que se beneficiaron das axudas de acceso á vivenda ou con todos aqueles galegos que viven en vivendas públicas ou reciben o bono alugueiro; ou as persoas enfermas de cancro ás que os cribados do Sergas lles permitiron un diagnóstico precoz da enfermidade, ou que saben que Galicia vai ser a primeira comunidade en contar cun centro público de protonterapia”.
Paula Prado criticou que a oposición “perdera hoxe unha oportunidade de rectificar o seu negacionismo industrial ao votar en contra das resolucións do Grupo Popular para que favorecer políticas dirixidas ao impulso industrial, sempre que cumpran a normativa ambiental vixente, ou que se transfira ás comunidades autónomas a xestión directa dos fondos europeos de recuperación, en particular os relacionados co ámbito industrial”.
“En definitiva, ao longo destes tres días falamos do futuro de Galicia e da Galicia do futuro: de esa terra que hoxe construímos co fin de legarlla ás vindeiras xeracións”, manifestou a viceportavoz popular, quen incidiu que desde o PPdeG “sempre diremos si a esa Galicia en grande da que falaba o Presidente Rueda: con realismo, con optimismo, con confianza e sen medo a demostrar que xuntos temos máis camiños para facelos ben”.
39 DO GRUPO POPULAR, 5 DO GRUPO MIXTO E 9 TRANSACCIONADAS
O Debate sobre Política Xeral pechouse esta mañá coa aprobación de 53 resolucións: 39 das presentadas polo Grupo Popular, 5 do Grupo Mixto, 2 transaccionadas entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista (sobre a posta en marcha dun novo Plan de saúde mental e a redefinición do programa de educación E-Dixgal) e 7 transaccionadas entre o Grupo Popular e o Grupo Mixto (sobre a cesión de vías autonómicas aos concellos; un plan de recuperación de centros históricos e barrios degradados; o establecemento de diálogo da Xunta coas administracións locais e co tecido social para definir investimentos prioritarios; a elaboración dun informe anual sobre a execución dos orzamentos da Xunta por provincias; a mellora de espazos públicos en contornos urbanos degradados; o impulso dos vínculos coa lusofonía a través do recoñecemento do traballo de Isaac Alonso Estraviz; e o impulso de axudas para os agricultores e gandeiros afectados pola declaración de zonas vulnerables e o mantemento dos compromisos na mellora do regadío da Limia).
Ademais, das 53 resolucións aprobadas, sete saíron adiante co apoio unánime dos deputados do Parlamento galego: 5 presentadas polo Grupo Popular (Declaración do Xacobeo 2027 como evento de excepcional interese público, a localización en Ouresne do futuro Centro Nacional de Ciberseguridade, a cesión dos inmobles baleiros propiedade da SAREB, a ampliación do calendario vacinal dos grupos de poboación máis vulnerables e a implantación do Bono Peixe para promover a compra e consumo de peixe e marisco fresco); unha do Grupo Mixto (sobre o reforzo das medidas de seguridade viaria nas contornas escolares) e unha máis logo da transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Mixto (sobre o impulso das axudas destinadas a agricultores e gandeiros afectados pola posible declaración de zonas vulnerables e o mantemento dos compromisos na mellora do regadío da Limia).