Santiago, 13 de febreiro de 2017.- O Grupo Popular designou esta mañá aos deputados e deputadas responsables de cada portavocía, unha vez tivo lugar a configuración definitiva deste grupo parlamentario, que presenta unha renovación do 56 por cento respecto do final da pasada lexislatura. Así mesmo, o portavoz Pedro Puy manifestou a satisfacción da delegación galega que asistiu ao Congreso Nacional do Partido Popular, tanto polos resultados conseguidos a nivel orgánico, co incremento de galegos nos órganos de dirección do partido, como coa aprobación de ideas e textos políticos que marcarán a actuación do PP no futuro.
Pedro Puy lembrou que no último Pleno tivo lugar a toma de posesión de cinco novos deputados do Grupo Popular, logo de que outros tantos conselleiros deixaran o seu escano no Parlamento galego. Deste xeito, indicou que “damos por pechado” a organización do Grupo Popular, “cunha taxa de renovación moi significativa, xa que se produciu a incorporación de 23 novos deputados en relación ao remate da pasada lexislatura”.
“Temos un equilibrio moi razoable entre a experiencia dalgúns portavoces e a entrada de novas persoas con novas ideas e novas formas de formular as cuestións”, indicou Puy.
BALANCE POSITIVO
Respecto do Congreso Nacional do Partido Popular celebrado esta fin de semana en Madrid, Puy fixo un “balance positivo” porque demostrouse que “o PP mantén debates, pero hai unidade tanto no liderado, como na dirección e no proxecto político”.
“Todos nos congratulamos de que a presenza de representantes de Galicia nos órganos de dirección de partido non só se manteña, senón que se incremente”, destacou o portavoz popular. En concreto, indicou que no Comité Executivo do PP nacional, ademais da presenza de Mariano Rajoy, estarán presentes representantes galegos en todas as Cámaras lexislativas ou institucións: o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; a Presidenta do Congreso, Ana Pastor, e a deputada Pilar Rojo; o portavoz no Senado, José Manuel Barreiro; o secretario xeral de Novas Xeracións, Javier Dorado; o eurodeputado Francisco Millán Mon; e agora o Grupo Popular en Galicia a través do seu viceportavoz Miguel Tellado.
PONENCIA ECONÓMICA
Pedro Puy tamén destacou a ponencia económica e de organización territorial do Estado, “de interese específico para Galicia porque un dos seus redactores foi o Presidente da Xunta e porque atinxe a algunhas das cuestións que se están a debater no conxunto de España e van afectar ao futuro de Galicia”.
Neste sentido, subliñou que o ditame foi aprobado por unanimidade, logo de que se chegara a acordos sobre todas as transaccións que se propuxeran, “prevalecendo a visión formulada polo presidente Alberto Núñez Feijóo relativa á defensa do autogoberno, da igualdade dos cidadáns de España e, no ámbito do financiamento autonómico, incorporando as cuestións xa acordadas na Conferencia de Presidentes.
“Enfatizouse a idea de que a prestación de servizos públicos debe garantirse en todo o territorio do Estado, debe funcionar o sistema de solidariedade e terase en conta o custo efectivo da prestación dos servizos públicos”, concretou o portavoz popular. Deste xeito, recordou que se terán en conta factores que inciden especialmente en Galicia, como o grao do envellecemento da poboación e a súa dispersión polo territorio galego.