Santiago, 2 de maio de 2017.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana que o Ministerio de Facenda fixe un período mínimo de cinco anos de imputación no imposto da renda para as subvencións por incorporación de mozos ao rural galego ou se esa incorporación se fai mediante a súa participación en entidades, a axuda percibida se impute na imposición desta entidade. Así mesmo, os deputados populares instarán á Xunta a planificar actuacións que favorezan o impulso dun Hub de gas natural licuado en Galicia.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, explicou que a sesión plenaria incorpora 30 cuestións, das que 23 son a iniciativa dos grupos da oposición. “Unha vez máis, a actividade de control e impulso ao goberno é a que a oposición marca, mentres que as nosas prioridades quedan claras e afectan ao mundo rural, á industria, á sanidade e á natureza”.
A sesión plenaria dará comezo co debate do ditame e as propostas de resolución aprobadas na Comisión para as relacións co Consello de Contas en relación cos informes de fiscalización das contas do sector público de Galicia e da Conta Xeral da Comunidade Autónoma de 2014.
A continuación, debaterase a proposición de lei, para a súa remisión ao Congreso dos Deputados, solicitando a transferencia a Galicia da xestión da AP-9, á que seguirá a comparecencia da conselleira do Mar para para informar do impacto do brexit no sector pesqueiro galego e as posibilidades que se abren diante desta nova conxuntura.
AXUDAS PARA MOZOS DO RURAL
Por parte do Grupo Popular, defenderanse dúas proposicións non de lei. A primeira delas ten como obxectivo que o Ministerio de Facenda fixe en cinco anos o período mínimo de imputación no imposto sobre a renda das subvencións que a Xunta está a conceder para a incorporación de mozos ao rural. Ademais, no caso de que a incorporación do mozo sexa mediante a súa participación en entidades, pídese ao Ministerio que a axuda percibida se impute na imposición da entidade participada e non no IRPF do beneficiario.
Puy lembrou que “unha das prioridades do PPdeG nesta lexislatura é a dinamización do rural galego e, dentro desta política, a Xunta está a fomentar a incorporación de agricultores novos para desenvolver no medio rural actividades económicas”.
Neste sentido, sinalou que “dáse o paradoxo de que a Axencia Tributaria entende que estas axudas concedidas pola Xunta son diñeiro corrente que se recibe nun ano e se debe incorporar á declaración da renda da persoa moza receptora no mesmo ano que se percibe a axuda, sen ter en conta se se trata efectivamente de gasto corrente ou é un investimento ou se os bens que se adquiren con esa axuda están a nome doutra entidade”.
Por este motivo, desde o Grupo Popular pídese ao Ministerio de Facenda que “o período mínimo de imputación destas subvencións para incorporación de agricultores mozos sexan de cinco anos e cando esa incorporación se faga a través de entidades se impute a estas entidades”.
HUB DE GAS NATURAL LICUADO
A segunda proposición non de lei que defenderá o Grupo Popular na sesión plenaria ten como obxectivo que a Xunta planifique actuacións que favorezan o impulso dun Hub de gas natural licuado en Galicia.
Dentro desta iniciativa, solicítase tamén que a empresa Reganosa adapte as súas infraestruturas e despregue as instalacións que sexan necesarias para conseguir o desenvolvemento loxístico e comercial que permita aos portos galegos prestar servizos de abastecemento de gas natural licuado.
Por último, os deputados do Grupo Popular preguntarán ao Goberno sobre o proceso de recollida de aportacións e suxestións para a elaboración do plan funcional e o plan de espazos do proxecto do Gran Montecelo en Pontevedra; e sobre os pasos que o Goberno galego está a dar para a posta en marcha do anunciado Observatorio de ríos.