Santiago, 24 de novembro de 2020.- A portavoz de Dinamización Demográfica do Grupo Popular, Raquel Arias, afirmou hoxe que a nova Lei de impulso demográfico de Galicia “representa todos os valores da Galicia que queremos para o futuro porque aposta por unha Galicia familiar e inclusiva, por unha Galicia moza, por unha Galicia innovadora e por unha Galicia sostible”.
No debate de totalidade do proxecto de Lei de impulso demográfico, Raquel Arias afirmou que se trata dunha norma “innovadora, porque é a primeira lei do Estado que aborda o reto demográfico; valente, porque lle pon nome e apelidos ao desafío que temos por diante e a necesidade de tomar medidas urxentes; e transversal, coa implicación de todos os departamentos da Xunta, pero tamén de todas as administracións e axentes socioeconómicos e culturais”.
COMPROMISO COS GALEGOS
“Tamén estamos diante dunha lei que se compromete cos galegos, con obrigas claras e coa garantía dun orzamento mínimo anual próximo aos 800 millóns de euros; e participativa, porque se enriqueceu co traballo en pleno e nas diferentes comisións creadas ad-hoc no seo do Observatorio galego para a dinamización demográfica, cuxas conclusións foron aprobadas por unanimidade”, apuntou.
En concreto, Raquel Arias lembrou que se tiveron en conta o 80 por cento das alegacións presentadas no proceso de exposición pública, ao tempo que tamén foron incluídas máis do 84 por cento das recomendacións do Consello Económico e Social.
“A acción dos gobernos nestes tempos ten que centrarse, fundamentalmente, na saúde das persoas e en toda a problemática sanitaria, pero tamén social e económica, que a pandemia da Covid-19 trouxo consigo”, sinalou a portavoz popular. Porén, sinalou que “as políticas que teñen que ver co reto demográfico non poden parar”, polo que considerou unha “boa nova que unha das primeiras leis que o Goberno galego quixo traer ao Parlamento nesta X Lexislatura sexa a de impulso demográfico”.
Raquel Arias lembrou que “o Goberno de Feijóo leva traballando e sendo pioneiro en mediras demográficas desde 2009, e esta lei garante que as medidas postas en marcha, e que están contrastando que funcionan, sigan independentemente de quen goberne”.
SALDO VEXETATIVO POSITIVO
Respecto das emendas á totalidade presentadas polos grupos da oposición, a portavoz popular cuestionou se “están en contra de que se favoreza a conciliación e a corresponsabilidade; ou de que se leven a cabo medidas de protección da saúde infantil nos recursos e servizos de conciliación”.
Así mesmo, criticou que a posición se opoña a que se publique anualmente no Diario Oficial de Galicia o saldo vexetativo de Galicia, “porque non vaia ser que os galegos se enteren de que menten, cando din que en Galicia saen máis persoas das que entran”. En concreto, lembrou que entre 2009 e 2019 entraron a residir en Galicia 47.610 persoas máis das que marcharon e só durante o pasado ano entraron 17.542 persoas máis das que saíron, gañando poboación en tódalas franxas de idade.