Santiago, 4 de outubro de 2022.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, animou hoxe aos socialistas galego a realizar aportacións ao proxecto de Lei do xogo de Galicia que foi aprobado polo Consello da Xunta a pasada semana e que se tramitará no Parlamento galego ao longo das vindeiras semanas.
Paula Prado salientou que “a preocupación do PPdeG por adaptar a normativa vixente en materia de xogo de Galicia á realidade actual e garantir un xogo responsable é unha realidade desde sempre, pero concretouse no programa electoral co que concorremos ás eleccións galegas de 2016 e se iniciou en 2018”. “Durante estes anos foise dando forma a un texto normativo que busca garantir a práctica responsable e coidar das persoas máis vulnerables, un proceso longo de diálogo con todos os colectivos implicados”, concretou.
“Durante todo este proceso foi público e coñecido por todos os actores implicados o anteproxecto de Lei, mesmo tamén polo Partido Socialista, aínda que agora pretenda facernos crer que a súa proposición de lei rexistrada o pasado 4 de maio é a base do texto lexislativo aprobado polo Goberno galego”, indicou.
LEI SOCIALISTA INAPLICABLE
Respecto da proposición de lei defendida polos socialistas galegos, Paula Prado explicou que as distancias dos establecementos de xogo respecto dos centros de ensino de menores ou de tratamento de adicións unicamente se aplicarían aos novos establecementos e, como a propia norma pecha o mercado e prohibe novas aperturas, esta medida non sería aplicable.
“Pola súa banda, o proxecto de Lei do Goberno galego é moito máis ambicioso xa que limita a duración das autorizacións dos establecementos xa instalados a un máximo de 15 anos e, unha vez transcorridos eses anos, todos os establecementos terían que adaptarse ás novas distancias marcadas pola normativa”, sinalou.
MÁQUINAS NA HOSTALERÍA
Respecto das máquinas de xogo en hostalaría, os socialistas unicamente permiten a instalación dunha máquina por local, “pero a súa regulación resulta incongruente”, apuntou Paula Prado. Así, explicou que “prohiben as máquinas de apostas, pero permiten as máquinas tipo C, que son máquinas de azar, moito máis aditivas que as máquinas de apostas, sen límites en canto ao premio máximo e a cantidade a xogar e que son exclusivas de casinos”.
O proxecto de Lei do xogo aprobado polo Goberno galego permite un número máximo de 2 máquinas por local de hostalería, unicamente dos tipos A especial, B e máquinas de apostas. En todas estas máquinas a contía máxima dos premios está limitada e o prezo das partidas non pode ser superior a 20 euros. Ademais, prohíbese a instalación nestes locais de máquinas B especial e de máquinas C pola especial contía dos premios e das cantidades a xogar que causan una maior adición.
Por último, sobre a posibilidade de que os concellos declaren zonas especialmente saturadas, Paula Prado lembrou que esta situación “xa consta recollida na lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia dende o ano 2017 e se reitera, con maior fundamento, no anteproxecto de lei que tramita o Goberno galego”. Así mesmo, dixo que en Galicia están suspendidas as autorizacións de establecementos de xogo dende 2019 por acordo do Consello da Xunta de Galicia, ao tempo que o anteproxecto de lei establece unha limitación definitiva ao número de establecementos e de máquinas de xogo, sen necesidade de ter que esperar 5 anos para coñecer a situación da sociedade galega.