Santiago, 27 de abril de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe no Parlamento que o Goberno galego e o PPdeG “imos defender a modificación da Lei de saúde de Galicia e o autogoberno, porque é a mellor forma de defender a vida e a saúde dos galegos”.
“No fondo, nin a Xunta nin o Parlamento galego teñen un problema, senón a poboación galega pola inacción do Goberno de Pedro Sánchez, que se nega sistematicamente a levar a cabo a reforma da lexislación orgánica que eles mesmos prometeron, que lles solicitou a Comisión de reconstrución do Congreso e que agora tamén lles solicita o Consejo de Estado a propósito do ditame sobre a modificación da Lei de saúde galega”, engadiu.
Pedro Puy lamentou que “un ano despois da declaración do primeiro Estado de Alarma, o Goberno central non abordou a reforma da Lei sanitaria que prometeu, nin atendeu o mandato da Comisión parlamentaria, nin tramitou o decreto-lei que sirva para dar seguridade xurídica ás comunidades autónomas, polo que o vindeiro 9 de maio rematará un Estado de Alarma para o que o Goberno de España afirma non ter alternativa”.
ESTADO DE ALARMA POR CARECER DE LEXISLACIÓN
Diante desta situación, o portavoz popular lembrou que o Presidente da Xunta “pediu desde o primeiro momento da pandemia a reforma da Lei orgánica 3/1986 de medidas especiais en materia de saúde pública e, ante a ausencia de resposta do Goberno central, a Xunta remitiu o pasado mes de outubro unha proposta de reforma desta lei estatal”.
“Lamentablemente esta proposta tampouco tivo acollida por parte do Goberno de Pedro Sánchez e vímonos abocados a un novo Estado de Alarma ao carecer dun marco legal máis idóneo”, indicou.
Puy lembrou que o Grupo Popular propuxo a tramitación dunha modificación da Lei de saúde galega que “da garantías a través concretando as medidas oportunas e necesarias nunha situación de pandemia sanitaria, fixando como se teñen que facer, e definindo que dereitos teñen os cidadáns e que obrigas teñen as administracións”.
ASENTAR DOUTRINA
“Sorprende que o Goberno de España, ante unha norma galega que pretende axudar a xestionar a pandemia sanitaria, non pida informe ao Ministerio de Sanidade, nin queira abrir unha Comisión Bilateral coa Comunidade galega e nin sequera queira dar ao Consejo de Estado o tempo habitual de elaboración dun ditame, senón que lle solicita unha urxencia para emitilo que non é capaz de motivar”, apuntou.
Ademais, o portavoz popular explicou que “dos seis apartados da Lei galega que o Goberno de España quere impugnar, o Consejo de Estado desbota por completo a presunta inconstitucionalidade de cinco”. “Non di que a lei galega sexa inconstitucional, senón que é necesario asentar doutrina sobre como se deben articular este tipo de desenvolvementos autonómicos de leis orgánicas que non teñen previsións específicas”, concretou.
“O Consejo de Estado da a razón á postura inicial de Galicia, que consideraba e considera fundamental que o Goberno central e as Cortes Xerais aborden unha reforma da lexislación orgánica en materia de saúde pública”, manifestou Pedro Puy, quen lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez vive feliz nesta indeterminación das medidas necesarias e moléstanlle os intentos, como o de Galicia, de poñer orde, concreción e garantías nesa aplicación de medidas de restrición de dereitos que deben ser extraordinarias”.