A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que “Galicia mellora na atención sanitaria dos galegos, reduce tempos de espera, opera máis, atende máis e cumpre máis”, polo que demandou aos grupos da oposición “menos ruído e menos alarmas inxustificadas”. “Teñan máis respecto polos profesionais da sanidade pública galega, que cada día demostran, con datos na man, que Galicia funciona”, pediu.
Tomando como referencia os datos oficiais do Ministerio de Sanidade, Encarna Amigo destacou que “Galicia é a segunda comunidade con mellores tempos de espera en primeira consulta e a cuarta comunidade con menos espera para facer unha cirurxía; temos case 50 días menos de espera ca media española, e mentres aquí baixamos os tempos de espera en España soben”.
Así mesmo, a portavoz popular engadiu que “estas cifras se acompañan con que en Galicia se fai máis actividade ca nunca: case 110.000 intervencións cirúrxicas no primeiro semestre deste ano, o que supón un incremento do 1,5 por cento; as vías rápidas contra o cancro atenderon 11.500 consultas; e se fixeron neste último semestre máis de dous millóns de probas diagnósticas”.
MÁIS FÁCIL INVENTAR MÉDICOS QUE FORMALOS
“E todo isto a pesar da falta de médicos que padecemos a nivel de toda España, sen que as comunidades autónomas reciban apoio algún por parte do Goberno central para facer fronte a este reto”, sinalou Encarna Amigo, quen apuntou que “se realmente sobraran médicos, como no se cansan de dicir desde a oposición, Galicia non deixaría un só sen contratar, pero sempre é máis doado inventar médicos que formalos”.
A portavoz popular dirixiuse ao BNG para demandar que “se de verdade quere máis profesionais, aprendan na porta na que deben petar e pídanllo ao Goberno de Pedro Sánchez, porque en Galicia formamos ao 100 por cento das prazas que o Ministerio autoriza e sen máis MIR non haberá máis médicos especialistas”.
Para rematar, Encarna Amigo rexeitou “o relato apocalíptico” dos grupos da oposición respecto da situación da sanidade galega e fíxoo con datos concretos: o orzamento destinado a sanidade medrará en 2026 en 213 millóns de euros respecto ao presente ano, o que supón un 3,91 por cento máis; e a atención primaria incrementará outro 4,74 por cento, acadando os 1.747 millóns de euros, que supoñen máis do 25 por cento do orzamento sanitario da Xunta e supera a referencia marcada pola Organización Mundial da Saúde”.
“O Goberno de Alfonso Rueda vai seguir dialogando cos profesionais, como demostra o acordo adoptado coa maioría deles en materia de atención primaria; reforzando equipos con todo o persoal dispoñible; e mellorando as condicións laborais e a estabilidade dos profesionais sanitarios, incrementando os recursos da atención primeira e esixindo ao Ministerio que forme máis médicos e reforme o MIR”, subliñou.