O Grupo Popular centrará as súas demandas no Pleno do Parlamento de Galicia da vindeira semana na transferencia e a gratuidade das peaxes da AP-9, unha sesión na que se procederá á aprobación da nova lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial. Así mesmo, o Pleno inclúe a comparecencia dos conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes, para dar conta das liñas xerais do seu departamento, e de Economía e Industria, para informar sobre a situación dos proxectos industriais estratéxicos de Galicia.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, explicou que, coa nova Lei de para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial, Galicia se converte na primeira rexión europea en regular por lei o deseño, adquisición e uso da intelixencia artificial, primeiro na administración e, máis tarde, en toda a sociedade galega.
O obxectivo desta norma, que chega ao seu debate de aprobación definitivo sen votos en contra por parte da oposición, é garantir un desenvolvemento e utilización da intelixencia artificial ética, segura, fiable e centrada nas persoas. “Galicia pode e debe asumir o papel de liderado que lle corresponde na conformación dunha rexión intelixente a través da ordenación e xestión dunha das tecnoloxías que está chamada a marcar o futuro da humanidade”, indicou Alberto Pazos.
PROXECTOS ESTRATÉXICOS
A sesión plenaria inclúe as comparecencias do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes comparecerá, por petición propia, para informar sobre as liñas xerais do seu departamento; e da conselleira de Economía e Industria, tamén por petición propia, para dar conta da situación dos proxectos industriais estratéxicos en Galicia, “nunhas datas nas que o protagonismo o está acaparando a aprobación da Declaración de Impacto Ambiental do proxecto de ALTRI en Palas de Rei, pero que na que quedará de manifesto que a estratexia industrial do Goberno galego expándese por outros ámbitos, como a automoción, o sector eólico, o naval, os parques empresariais ou a industria forestal”, explicou o portavoz popular.
O Grupo Popular vai centrar a súa atención neste Pleno “na indignante situación na que se atopa a transferencia e a gratuidade da autoestrada AP-9, logo das afirmacións realizadas no Congreso pola secretaria xeral de Transporte Terrestre do Ministerio de Fomento, asegurando que o rescate da concesión da AP-9 ‘non é viable polo altísimo volume de gastos que conlevaría, inasubmibles agora mesmo polo Estado’”.
CLARIDADE SOBRE A AP-9
“Xa está ben de que os socialistas, tanto desde o Goberno de España como dos seus secuaces en Galicia, estean a tomar o pelo a todos os galegos cos seus constantes atrancos á transferencia e promesas incumpridas sobre esta autovía, porque só hai que lembrar que levamos 38 aprazamentos por parte da Mesa do Congreso á tramitación da proposición de lei remitida por este Parlamento solicitando á transferencia da AP-9”, sinalou Alberto Pazos, quen lembrou “a promesa, lanzada a bombo e prato durante a campaña electoral galega polo candidato socialista, dunha AP-9 libre de peaxes, cuestión que se atreveu a reiterar hai pouco máis dunha semana no Congreso que o reelixiu como secretario xeral dos socialistas galegos, diante do mesmo Pedro Sánchez, que deu a calada por resposta”.
Diante desta situación, Alberto Pazos afirmou que “queremos que os grupos políticos deste Parlamento volvan poñer de manifesto a súa postura sobre a AP-9, e para iso imos someter a votación a solicitude ao Goberno de Pedro Sánchez para que culmine o proceso de transferencia da titularidade e competencias sobre esta autoestrada; a demanda da gratuidade inmediata das peaxes, tanto na AP-9 como na AP-53; e a petición para que o Goberno de España informe sobre as actuacións que está a levar a cabo diante dos requirimentos formulados pola Comisión Europea respecto das prórrogas do contrato de concesión da AP-9, atendendo a demanda da Xunta para celebrar unha xuntanza co ministro de Transportes co obxecto de abordar todas estas cuestións de xeito persoal e directo”.
Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular centrará a súa atención no ámbito da vivenda, pedindo que se informe sobre a falta de diálogo do Goberno de España coas comunidades autónomas á hora de poñer en marcha os avais á compra de vivenda, que se terán que xestionar, precisamente, polas propias comunidades autónomas; e cuestionando sobre as medidas que está a poñer en marcha a Xunta para axudar á mocidade no seu acceso á vivenda, como o recentemente aprobado Bono Alugueiro.
Por último, a terceira das preguntas do Grupo Popular ten como obxectivo coñecer o balance da implantación pola Xunta dos Plans Locais de Saúde, logo de que recentemente se asinaran 24 novos plans locais, chegando aos 92 centros de saúde en toda Galicia.