Santiago, 3 de setembro de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que solicita unha serie de medidas en defensa da central térmica de As Pontes, como a supresión do céntimo verde para o carbón, a compensación de pagos pola dispoñibilidade para cubrir a demanda en horas punta do sistema eléctrico ou o establecemento de medidas fiscais para a sustentabilidade enerxética.
Así mesmo, o Grupo Popular demandará na sesión plenaria que a Xunta manteña a súa defensa ante a UNESCO da candidatura a Patrimonio da Humanidade do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, sen excluír aos arquipélagos de Ons, Sálvora e Cortegada.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que no primeiro pleno deste novo período de sesións terá lugar a comparecencia do conselleiro de Cultura e Turismo, para explicar o Plan Estratéxico do Xacobeo 2021, e da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para informar da situación actual do sistema de acceso á illa de Ons por parte dos veciños.
Sobre esta última comparecencia, o Grupo Popular incidirá a través do debate dunha proposición non de lei que a Xunta manteña a súa defensa ante a UNESCO da candidatura a Patrimonio da Humanidade do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, incluíndo os arquipélagos de Ons, Sálvora e Cortegada.
Pedro Puy manifestou que, tanto a comparecencia da conselleira de Medio Ambiente como o debate da proposición non de lei, “permitirá clarexar que a candidatura de Patrimonio da Humanidade non afectará para nada aos veciños, xa que teñen garantido o seu acceso á illa de Ons”.
ESPECTACULAR CAÍDA DA PRODUCIÓN NA CENTRAL DAS PONTES
Respecto da proposición non de lei do Grupo Popular en defensa da central térmica de As Pontes, o portavoz popular lamentou que “está a sufrir unha espectacular caída na produción, desde os 8 TWh de 2018 aos 2,1 TWh ata xuño do presente ano, como consecuencia dunha política enerxética desordenada por parte do Goberno socialista de España”. Neste sentido, apuntou que “se poden tomar medidas para que estas empresas poidan seguir producindo, garantindo unha transición enerxética que non prexudique ao emprego”.
Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas medidas previstas para seguir ampliando o programa de acollemento familiar; os beneficios que a Xunta quere acadar para os empregados públicos e a sociedade galega en xeral coa reforma integral do edificio administrativo de San Caetano; e o traballo que está a facer o Goberno galego para que o Goberno central rectifique a súa falta de solucións para que a industria electrointensiva manteña a súa actividade, moi especialmente a planta de Alcoa en San Cibrao.
OPOSICIÓN RESPONSABLE E DEMANDAS SENSATAS
Cuestionado sobre a transferencia dos 700 millóns de euros que o Goberno central debe á Xunta de Galicia polas entregas a conta, o IVE e aos incentivos por ser unha comunidade cumpridora, Pedro Puy lembrou que na última sesión plenaria “xa se aprobou unha proposición non de lei, coa abstención do Grupo Socialista, a través da que se demanda ao Goberno central que habilite de maneira urxente os mecanismos legais correspondentes para transferir a Galicia estas partidas pendentes”.
Neste sentido, Puy salientou que “onte mesmo o PSOE de Andalucía anunciou que ía apoiar ao Goberno rexional de PP e Ciudadanos na súa demanda para que o Goberno central transfira as cantidades que lle debe, porque fan oposición responsable e se trata de demandas sensatas, tal e como dixo onte a propia Susana Díaz”. “O único líder socialista que non apoia ao seu goberno autonómico nunha demanda moi xustificada desde todos os puntos de vista é o líder dos socialistas galegos, o señor Caballero”, lamentou.
O portavoz popular considerou que existe “unha necesidade evidente de que os cartos que o Goberno central recadou e lle corresponden ás comunidades autónomas teñen que ser transferidos antes de que remate este exercicio”.