Santiago, 5 de febreiro de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno desta semana o apoio á figura penal da prisión permanente revisable para “garantir que as persoas que cometen determinados delitos abominables non se reincorporen á sociedade ata que estean completamente rehabilitados”, sinalou o portavoz Pedro Puy. Así mesmo, sinalou que iniciarase a tramitación parlamentaria da reforma da Lei de saúde de Galicia, unha norma que busca “mellorar o sistema de organización mantendo o esforzo orzamentario para unha sanidade galega boa e pública”.
Pedro Puy explicou que a cuestión da prisión permanente revisable “está de actualidade logo de que diversos grupos parlamentarios no Congreso do Deputados están a propoñer, ben a través dunha proposición de lei ou de proposicións non de lei, a supresión desta figura penal”. Neste sentido, lembrou que se trata dunha pena “que xa existe noutros países europeos, configurada de diversas formas, e está avaliada polo Tribunal de Dereitos Humanos, así como polo Consejo de Estado, o Consello Xeral do Poder Xudicial e o Consello Fiscal”.
IGUALDADE NAS SUCESIÓNS E DOAZÓNS
Así mesmo, o Grupo Popular defenderá nesta sesión plenaria outra proposición non de lei a través da que se pide que todas as herdanzas ou doazóns con residentes en países que non pertenzan á Unión Europea gocen dos mesmos criterios e cotizacións que para os casos de residentes na UE, tributando no imposto de sucesións de acordo coa normativa da comunidade autónoma e non da estatal. “O que queremos é evitar a discriminación existente na actualidade entre dúas persoas que, recibindo unha doazón ou herdanza, se vexan obrigados a tributar de xeito diferente en función da súa residencia en Europa ou fóra do espazo económico europeo”, indicou.
Respecto do debate de totalidade do proxecto de lei de reforma da Lei de saúde de Galicia, Pedro Puy explicou que “se modifican 20 dos 137 artigos da norma existente desde 2008 co obxectivo de mellorar o sistema, reforzando os hospitais comarcais e evitando milleiros de desprazamentos de pacientes aos hospitais das cidades; incrementando os consellos de participación dos cidadáns, que pasan de 12 a 23; e promovendo nos centros sanitarios galegos unha aposta decidida pola investigación sanitaria”.
SANIDADE GALEGA PÚBLICA E DE CALIDADE
“Compartimos a preocupación polo mantemento dunha sanidade galega pública e de calidade, e mostra disto é que a porcentaxe do orzamento da Xunta para sanidade pasou desde 2008 ata a actualidade do 35 ao 40 por cento”, dixo o portavoz popular.
Así mesmo, lamentou que “haxa quen queira introducir elementos de desconfianza nunha norma que non trata de privatizar nada”, salientando que “en 2008 había máis investimento para concertos coa sanidade privada que na actualidade” e subliñando o feito de que “se fale de pechar hospitais comarcais cando a Xunta está a facer importantes investimentos na súa ampliación e adecuación”.