Santiago, 28 de setembro de 2022.- O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central que incorpore na súa axenda de cuestións a tratar co Goberno alemán no cumio de A Coruña e no programa de traballo para a Presidencia española do Consello da Unión Europea de 2023 temas de interese para Galicia en materias como os fondos europeos, a pesca, o medio rural, a cultura, a enerxía, os transportes, a demografía e o despoboamento, a política exterior, as relacións con América e a defensa.
Así mesmo, pedirá ao Goberno de España un PERTE singular para destinar os fondos necesarios que permitan dar viabilidade aos proxectos industriais priorizados pola Comunidade galega.
Ao remate da Xunta de Portavoces celebrada esta mañá, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria que se celebrará a vindeira semana terá un marcado contido sanitario. En primeiro lugar, terá lugar o debate para a súa aprobación do proxecto de Lei de medidas extraordinarias para impulsar a provisión de postos de difícil cobertura sanitaria, sobre todo en atención primaria, hospitais comarcais e saúde mental.
A continuación, comparecerá o conselleiro de Sanidade, por petición propia, para informar dos avances rexistrados nas medidas postas en marcha para o reforzo da atención primaria.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará unha serie de cuestións de especial interese para Galicia en materia europea, para que o Goberno de España as inclúa na súa axenda lexislativa, as aborde co Goberno de Alemaña no cumio que terá lugar en A Coruña e as incorpore no seu programa de prioridades para a presidencia española do Consello da Unión Europea.
En concreto, a iniciativa do Grupo Popular abrangue 10 ámbitos: fondos europeos, para asegurar unha xestión e execución eficaces dos fondos Next Generation, de xeito que cheguen ao tecido produtivo galego, especialmente ás pequenas e medianas empresas; a pesca, para reorientar as normas europeas e asegurar a sustentabilidade social, económica e medioambiental da cadea mar-industria; o medio rural, adaptando as normas europeas sobre agricultura, gandería e montes á realidade galega; a cultura, promovendo o fenómeno xacobeo na Unión Europea como parte da nova Axenda Europea para a Cultura e a Estratexia da UE para as relacións culturais internacionais; ou a enerxía, apostando por un modelo de transición enerxética ordenada, garantista, sustentable e respectuoso co medio ambiente, que permita achegar ás familias, pemes e industria un prezo competitivo.
Así mesmo, propóñense medidas no ámbito dos transportes, para aproveitar ao máximo os fondos europeos dispoñibles para impulsar as sinerxias entre Galicia e Portugal, co fin de poder reforzar a competitividade; na demografía e o despoboamento, integrándoos nos distintos programas de financiamento da Unión Europea; a política exterior, reforzando a protección consular dos europeos en terceiros países; as relacións con América; e, por último, a defensa, velando porque a renovada importancia da política europea de defensa beneficie a Galicia.
PROXECTOS PRIORITARIOS
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular incluída na orde do día da sesión plenaria da vindeira semana ten como obxectivo que o Goberno central poña en marcha un PERTE singular para destinar os fondos necesarios que permitan dar viabilidade aos proxectos industriais priorizados na Comunidade galega.
Galicia aspira a obter as maiores sinerxias posibles dos fondos europeos Next Generation en favor da viabilidade de proxectos tractores que axuden a consolidar e ampliar as cadeas de valor industrial estratéxicas da economía galega, con especial incidencia nas pequenas e medianas empresas, o desenvolvemento rural e a xeración de emprego estable e de calidade.
Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola situación na que se atopa o proxecto de creación de novo centro de saúde de Caldas de Reis; e sobre as actuacións que promoveu a Xunta para resolver a situación xerada polo derrubamento rexistrado na estrada LU-651 entre Folgoso do Caurel e Quiroga.