Santiago, 30 de novembro de 2021.- O Grupo Popular demandará no Pleno que a Xunta desenvolva cantas accións sexan necesarias para frear e minorar a inestabilidade e a falla de seguridade xurídica orixinada pola modificación da Lei de costas a través da Lei de cambio climático; a incoherencia e a descoordinación na pesca e comercialización do marraxo; e o menoscabo do autogoberno xerado co recurso do Goberno central ao Plan xeral de explotación marisqueira 2021-2023.
?️O @ppdegalicia defenderá os intereses do sector marítimo-pesqueiro galego e da súa cadea mar-industria fronte aos ataques e obstáculos pola actuación do Goberno central,como na modificación da Lei de Costas,a descoordinación no marraxo ou o Plan de Explotación Marisqueira pic.twitter.com/LzD4K4QKNR
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) November 30, 2021
Así mesmo, demandarase ao Goberno de España a indemnización ao colectivo de mariscadoras da ría do Burgo durante o período que non poidan exercer a súa actividade como consecuencia da dragaxe deste enclave.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria dará comezo co debate para a súa aprobación do proxecto de Lei do Plan galego de estatística 2021-2026, que afonda na transparencia, calidade e accesibilidade da información que manexa o Instituto Galego de Estatística.
A continuación, terá lugar a comparecencia do conselleiro do Medio Rural, por petición propia, para facer unha avaliación dos resultados do Plan preventivo de incendios forestais para 2021, así como un balance da limpeza de franxas secundarias ao abeiro do convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias.
INCERTEZA E FALTA DE SEGURIDADE NA PESCA
Dentro do apartado das proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará que a Xunta leve a cabo accións na defensa dos intereses do sector marítimo-pesqueiro galego ante os ataques e obstáculos inxustificados que está a sufrir por parte do Goberno central. En concreto, Pedro Puy explicou que o sector marisqueiro e da transformación “están a vivir unha situación de incerteza e falta de seguridade xurídica a consecuencia da modificación da Lei de costas a través da Lei de cambio climático, que ameaza a súa viabilidade en termos de concesión e asentamento de empresas”.
Así mesmo, Puy lamentou a “descoordinación” existente entre os ministerios de Pesca, que autoriza a pesca de marraxo, e o de Transición Ecolóxica, que impide vender esta especie, “que está a causar un importante prexuízo económico para a frota galega”.
?E o @ppdegalicia tamén defenderá no Pleno do @Par_Gal a compensación ou indemnización ao colectivo de mariscadores da Ría do Burgo no período que non poidan exercer a súa actividade pola execución da dragaxe da Ría @acorunapp @DiegoCalvoPouso pic.twitter.com/ZGr7088WHt
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) November 30, 2021
En terceiro lugar, o portavoz popular lamentou o recurso presentado por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica contra o Plan xeral de explotación marisqueira 2021-2023, “nun ataque ao autogoberno galego e sumindo ao sector nunha situación de indefinición”.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Goberno central compense ao colectivo de mariscadores da ría do Burgo durante o período no que non poidan exercer a súa actividade como consecuencia da execución da dragaxe nesta ría coruñesa.
Pedro Puy amosou a súa preocupación polas 80 familias dos mariscadores que se verán afectados por este dragado da ría do Burgo e lamentou que o Goberno central non se faga responsable das indemnizacións a estes traballadores, “a pesar de que está suficientemente claro que é competencia súa a compensación polo cesamento forzado da actividade”. Neste sentido, apuntou que “existen fondos para atender as compensacións a estas familias, logo de que se producira un aforro de máis de 16 millóns de euros na adxudicación da obra de dragado”.
Por último, o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego polas entidades sociais beneficiarias das axudas con cargo ao 0,7 por cento do IRPF para promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, así como a loita contra a violencia de xénero. Tamén se interesará polos resultados das 20 medidas remitidas pola Xunta ao Ministerio de Sanidade para mellorar e flexibilizar o sistema de acreditación de prazas de formación sanitaria.