O Grupo Popular demandará no Pleno ordinario da vindeira semana que as confederacións hidrográficas do Miño-Sil e do Douro adopten con carácter inmediato medidas urxentes de protección fluvial ante o arrastre de cinzas e materiais contaminantes derivados dos incendios forestais deste verán. Así mesmo, e con motivo da celebración o vindeiro 25 de novembro do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, demandará tanto á Xunta como ao Goberno central novas medidas de protección para as mulleres.
Ao remate da Xunta de Portavoces, Alberto Pazos informou que o vindeiro luns terá lugar o Pleno específico para o debate de totalidade dos orzamentos da Xunta para 2026, así como do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas. “Unha mostra máis da normalidade e estabilidade política da que gozamos en Galicia, que contrasta co barullo e debilidade do Goberno central de Pedro Sánchez, incapaz de sacar adiante uns orzamentos nos últimos tres anos e que pode pasar á historia por ser o primeiro Presidente do Goberno incapaz de aprobar unhas contas ao longo de toda unha lexislatura”, sinalou.
COMPARECENCIA DA CONSELLEIRA DE POLÍTICA SOCIAL
Respecto do Pleno ordinario que terá lugar o martes e o mércores da vindeira semana, o portavoz popular indicou que dará comezo coa comparecencia da conselleira de Política Social, a petición propia, para informar sobre o avance na igualdade e na loita contra a violencia de xénero en Galicia.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular amosará a súa preocupación polas consecuencias que están a derivar da vaga de lumes que sufrimos este verán, sobre todo na provincia de Ourense, e a falta de dilixencia por parte das Confederacións hidrográficas de Miño-Sil e do Douro á hora de adoptar medidas que eviten as escorrentías que afectan aos nosos ríos e traídas de augas dos veciños.
“Fronte á intensa mobilización de recursos e dotación do persoal necesario que fixo a Xunta nas áreas da súa competencia, como a demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, para a instalación de barreiras anticontaminación, limpeza de marxes e canles ou restauración vexetal das beiras dos ríos nas zonas da súa competencia, atopámonos cunha deixación e lentitude por parte das demarcacións hidrográficas dependentes do Goberno central nas súas demarcacións para evitar que as cinzas e materiais contaminantes derivados dos incendios forestais chegaran aos ríos e ás traídas de auga”, lamentou Alberto Pazos.
Por este motivo, o Grupo Popular solicita que as confederacións hidrográficas do Miño-Sil e do Douro adopten, con carácter inmediato e no territorio que é da súa competencia, medidas urxentes de protección fluvial, coa instalación de barreiras anticontaminación e a coordinación de actuacións nestas zonas. En concreto, pídese a posta en marcha dun plan de choque, dotado dun orzamento específico, e que inclúa a limpeza e retirada de materiais das marxes e canles; a restauración vexetal das beiras; accións de control da erosión do solo; medidas preventivas ante choivas torrenciais; e a supervisión directa das infraestruturas hidráulicas que poidan verse comprometidas polos arrastres.
DEBERES Á XUNTA E AO GOBERNO CENTRAL
A segunda das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular no Pleno está relacionada coa celebración, o vindeiro 25 de novembro, do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, “unha conmemoración que ten lugar, lamentablemente, nun momento no que as agresións sexuais e as violacións non paran de aumentar no conxunto de España”, dixo Alberto Pazos.
Diante desta situación, desde o Grupo Popular demandan que a Xunta promova os recursos, servizos e prestacións existentes a disposición das mulleres vítimas de violencia de xénero para que logren unha plena independencia do seu agresor, dispoñan da atención psicolóxica necesaria e a asistencia xurídica que precisen; poña en marcha o Plan Integral de actuación para a renovación e o impulso dos centros de información á muller, de xeito que se impulse a súa actividade e se optimicen os seus recursos; fomente a ampliación da rede galega de entidades locais contra a violencia de xénero; e impulse as mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero.
“Pero tamén poñemos deberes ao Goberno central, co obxectivo de que fortaleza o sistema VIOGEN 2, garantindo a súa eficacia real logo dos defectos detectados recentemente no seu funcionamento; asuma as responsabilidades ante o gravísimo fallo das pulseiras antimaltrato; garanta a protección das vítimas de violencia de xénero cuns dispositivos telemáticos seguros, fiables e realmente útiles; e poña en marcha todas as medidas sen cumprir do Pacto de Estado contra a violencia de xénero”, concretou Alberto Pazos.
Así mesmo, engadiu que “demandamos que o Parlamento galego reprobe calquera manifestación que vulnere o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes, ou que denigre a dignidade das mulleres, poñendo especial énfase nos ataques sufridos por mulleres que exercen responsabilidades políticas, como foi o caso da conselleira de Política Social, denigrada por un panfleto da CIG; ou a secretaria xeral do PPdeG, cunhas mensaxes totalmente indecentes por parte do número 4 nas listas do BNG ás eleccións europeas”.
Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola valoración do Goberno galego respecto ao impulso e consolidación do preacordo alcanzado coas universidades de Santiago, A Coruña e Vigo sobre a descentralización dos estudos de medicina; sobre o cambio de posición do PSOE que, rachando o acordo unánime acadado na proposición de lei aprobada no Parlamento galego, nega agora a transferencia a Galicia da titularidade da AP-9; ou sobre o intento de adoutrinamento a nenas e nenos en idade escolar que promoven organizacións da contorna do nacionalismo galego coa remisión de material didáctico aos centros de ensino con posturas políticas e partidistas.