Santiago, 5 de xullo de 2022.- O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que Goberno de España rectifique os criterios empregados no deseño do novo mapa concesional das liñas de transporte por estrada da súa competencia e teña en conta as pecualiaridades de Galicia, garantindo os tráficos e as paradas actuais nos 23 concellos que poderían quedarán ser servizo.
Ademais, pedirase que a Xunta traslade ao Parlamento Europeo e á Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea o rexeitamento ás propostas normativas que leven á minoración ou eliminación de emprego de artes de fondo, entendendo que o seu emprego pode ser respectuoso cos hábitats mariños e destacando o impacto que estas medidas poden ter sobre a frota costeira artesanal.
Ao remate da Xunta de Portavoces, Alberto Pazos informou que a sesión plenaria dará comezo coa elección dos novos membros do Consello de Administración da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, así como dos novos conselleiros do Consello de Contas de Galicia. Neste sentido, Pazos amosouse “ruborizado de escoitar ao BNG falar da súa vontade de chegar a acordos o mesmo día que rachan o acordo existente de todos os grupos parlamentarios para a renovación destes órganos”.
O viceportavoz popular lembrou que “a situación para abordar esta renovación no Consello de Administración da CRTVG é a mesma que hai un ano, cando todos os grupos acordamos nomear aos novos membros deste órgano, incluído unha conselleira a proposta do BNG”. “O único que demostra é que o BNG é incompatible coa verdade, a moderación e a lealdade institucional”, concluíu.
COMPARECENCIAS E PROPOSICIÓNS NON DE LEI
De seguido, a sesión plenaria continuará coa comparecencia da Valedora do Pobo para dar conta do seu informe anual correspondente a 2021, así como coa comparecencia do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, para informar sobre o avance da FP en Galicia.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará, en primeiro lugar, que o Goberno central rectifique os criterios empregados no deseño do novo mapa concesional de liñas de transporte por estrada da súa competencia, que supón a perda de 76 itinerarios interiores, deixa sen parada e servizo a 23 concellos galegos e afecta a máis de 136.000 galegos.
Esta decisión do Goberno de Pedro Sánchez supón “un ataque e abandono evidente ás poboacións máis pequenas de Galicia, polo que consideramos que non se deben tomar medidas que incidan no despoboamento que xa está a sufrir o rural”, sinalou Alberto Pazos, quen considerou que “non parece razoable nun contexto de suba dos combustibles e no que unha aposta clara sobre o transporte colectivo debería ser irrenunciable, que un goberno amose esta falta de sensibilidade pola mellora do transporte público e a prestación de servizos aos veciños das áreas máis desfavorecidas”.
En segundo lugar, o Grupo Popular pedirá o apoio de todos os grupos na Cámara galega para amosar, tanto ao Parlamento Europeo como a DG Mare da Comisión Europea, o rexeitamento ás propostas normativas ou de opinión que leven á minoración ou eliminación de emprego de artes de fondo, entendendo que o seu emprego pode ser respectuoso cos hábitats mariños e sinalando o impacto social e económico que estas medidas poden ter, especialmente na frota costeira artesanal.
“Demandamos sensibilidade ás institucións europeas para frear a prohibición da pesca de arrastre de fondo en todas as zonas mariñas protexidas, un tema de enorme importancia socioeconómica para a xente do mar”, manifestou o viceportavoz popular, quen considerou “incuestionable que a sostibilidade do medio mariño debe ser compatible cos sostibilidade económica das xentes do mar”.
Por último, e dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase no Pleno polas accións que está a levar a cabo a Xunta para promover melloras na plataforma TELEA de teleasistencia domiciliaria; polas actuacións concretas que contempla o plan Emprega Xuventude, de apoio á formación, mellora da empregabilidade e con incentivos á contratación da mocidade galega; ou polo desenvolvemento do Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria na provincia de Ourense.