O Grupo Popular insistirá no Pleno da vindeira semana na solicitude ao Goberno de España para que cumpra a Lei de dependencia e salde a débeda de máis de 2.500 millóns de euros que ten con Galicia para o cofinanciamento da prestación deste servizo aos dependentes galegos.
Así mesmo, pedirá que axilice os trámites necesarios para a posta en marcha do proxecto da Biblioteca Pública do Estado en Vigo, nunha sesión plenaria na que se procederá ao debate de totalidade do proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia e comparecerá a conselleira de Vivenda para informar sobre as actuacións postas en marcha polo seu departamento neste ámbito.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, manifestou que “somos conscientes do inxente esforzo económico e humano que precisa a atención aos dependentes, pero lamentablemente atopámonos cun Goberno de España que incumpre sistematicamente a súa obriga de cofinanciar o 50 por cento da prestación da dependencia”. En concreto, indicou que o Goberno central “achega escasamente o 30 por cento do custo da dependencia, o que supón que día a día se incremente a súa débeda coa Comunidade galega neste eido, que nestes momentos xa supera os 2.500 millóns de euros”.
PLAN DE CHOCE PARA A DEPENDENCIA
“Temos moi presente que os tempos de agarda para a dependencia son superiores aos desexados, polo que desde o Goberno galego xa decidiron poñer en marcha un plan de choque co único obxectivo de reducir os tempos de agarda ata seis meses”, sinalou o portavoz popular. Deste xeito, unha das preguntas que o Grupo Popular formulará ao Goberno galego no Pleno versa sobre as accións que está desenvolvendo para reducir os tempos de agarda da dependencia, que basicamente se centran na desburocratización, xa que só será necesario presentar a solicitude; a creación dunha vía preferente para maiores de 80 anos; a habilitación dun procedemento conxunto para a discapacidade e dependencia; ou os incentivos económicos ao persoal que realiza as valoracións.
A segunda proposición non de lei que defenderá o Grupo Popular no Pleno ten como obxectivo que o Goberno de España axilice todos os trámites necesarios para a posta en marcha do proxecto da Biblioteca Pública do Estado en Vigo. “Logo de 17 anos de espera, o Concello vigués aprobou a finais do pasado ano o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións que permite ceder ao Ministerio de Cultura o chan onde está prevista a construción desta Biblioteca Pública do Estado”, lembrou Alberto Pazos. En concreto, se trata de dúas parcelas, entre as rúas Lalín e A Coruña, cunha extensión de 6.578 metros cadrados.
“Estamos a falar dun paso moi importante, pero non definitivo, xa que este chan deberá ser agora cedido ao Ministerio para licitar o proxecto e posteriormente executar a obra, de cuxa xestión se encargará a Xunta, polo que está claro que o futuro da nova Biblioteca Pública do Estado en Vigo está nas mans do Goberno de Pedro Sánchez e do Concello de Vigo”, indicou,
INTELIXENCIA ARTIFICIAL ÉTICA, SEGURA E FIABLE
A sesión plenaria inclúe o debate de totalidade do proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, “unha norma coa que Galicia será a primeira rexión europea que regula por lei o deseño, adquisición e uso desta ferramenta, tanto por parte da Administración como da sociedade en xeral”, salientou Pazos.
Así, apuntou que “o obxectivo principal é garantir unha implantación da intelixencia artificial na Comunidade galega dun xeito ético, seguro, fiable e centrado nas persoas, porque estamos convencidos de que Galicia está en condicións de liderar a nivel español e europeo a implantación das novas tecnoloxías que marcarán o futuro da humanidade”.
A orde do día do Pleno incorpora, ademais, a comparecencia da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, para informar sobre as actuacións postas en marcha polo seu departamento en materia de vivenda. Pazos sinalou que “estamos a falar dun dos ámbitos nos que a Xunta está a facer un esforzo moi especial, co obxectivo de que o acceso en Galicia a unha vivenda digna e a un prezo asequible non sexa un problema”.
O Goberno galego xa ten dado pasos importantes nestes últimos meses para acadar os seus obxectivos de duplicar o parque público residencial, o que supón a construción de 4.000 novas vivendas; ou o desenvolvemento de solo para posibilitar a construción doutras 25.000 vivendas: 20.000 protexidas e 5.000 libres. “Todo iso cunha especial atención a facilitar o acceso á vivenda aos mozos, a través da construción de aloxamentos temporais para alugueiro; a reserva do 40 por cento das vivendas públicas en alugueiro para menores de 36 anos e do 25 por cento das que se poñan á venda; as axudas para a compra de vivenda en municipios de menos de 20.000 habitantes; ou o recentemente coñecido Bono Emancípate”, matizou.
Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase sobre o estado da transferencia á Comunidade galega das competencias sobre o litoral galego e a necesaria convocatoria dunha Comisión Mixta de Transferencias para ratificar o pacto e que se traspasen canto antes os medios materiais e humanos precisos para exercer esta competencia clave para Galicia; e sobre a posibilidade de facer un Pacto pola Lingua entre todas as forzas políticas parlamentarias, logo das xuntanzas mantidas polo conselleiro con todos os grupos parlamentarios na procura dos consensos necesarios para impulsar e prestixiar o uso do galego en todos os contextos.