O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que o Goberno de España dialogue e negocie coas comunidades autónomas o reparto de migrantes menores non acompañados dun xeito planificado e co financiamento preciso. Así mesmo, pedirá ao Goberno central que atenda dunha vez as demandas de Galicia e presente de inmediato o Plan Director do Corredor Atlántico ferroviario, con datas, cifras detalladas e prazas definidas para a execución das obras.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que a sesión plenaria inclúe a comparecencia, a petición propia, o conselleiro de Emprego para dar conta do Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030, aprobado onte no Consello da Xunta e que estará dotado con máis de 320 millóns de euros para modernizar, visibilizar e mellorar a competitividade do pequeno comercio galego.
“Estamos a falar dun sector moi importante para o tecido económico galego ao estar integrado por máis de 32.000 establecementos nos que traballan arredor de 110.000 persoas”, concretou Alberto Pazos, quen afirmou que “a través de máis de 70 accións, este Plan Estratéxico de Comercio busca blindar o futuro deste sector e garantir a súa competitividade”.
DEMANDAS EN MATERIA FERROVIARIA
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará, en primeiro lugar, que o Goberno de España atenda as demandas de Galicia respecto do Corredor Atlántico ferroviario e informe con detalle das obras previstas e o horizonte temporal para a súa execución.
“Os incumprimentos respecto desta infraestrutura fundamental para o desenvolvemento económico e social de Galicia, garantindo unha conexión eficiente co resto de España e de Europa, van máis aló xa que descoñecemos a composición e o funcionamento do grupo de traballo creado para o desenvolvemento deste proxecto, tampouco hai noticias sobre o nomeamento do interlocutor do Goberno galego con Renfe para que dea cumprida información sobre as incidencias e os avances en infraestruturas ferroviarias, e que dicir da saída sur de Vigo, unha infraestrutura estratéxica para a conexión con Portugal que non se prevé a súa finalización, segundo as últimas estimacións polo estado actual das obras, ata finais de 2034”, lamentou o portavoz popular.
Tamén relacionado co transporte ferroviario, o Grupo Popular formulará unha pregunta ao Goberno galego sobre a precariedade que presentan os servizos que existen en Galicia. “A día de hoxe, aínda non se repuxeron todos os frecuencias eliminadas durante a pandemia da Covid-19, nin se ampliou a oferta de prazas e de persoal, nin se incrementaron os servizos de alta velocidade, nin se están a acometer as melloras para a modernización das instalacións e dos trens, nin, por desgraza, se estea a impulsar a intermodalidade”, apuntou.
30 MILLÓNS DE EUROS ANUAIS
A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular ten que ver coa distribución, por parte do Goberno de España, dos migrantes menores non acompañados, solicitando ao Goberno de Pedro Sánchez diálogo e negociación con todas as comunidades autónomas, para que a decisión non se adopte, como así se fixo, logo dun acordo bilateral entre o Goberno central e os independentistas cataláns.
Alberto Pazos apuntou que, “aparte deste novo trato de favor do Goberno de Pedro Sánchez ao independentismo catalán, a chegada de 326 novos menores a Galicia suporía un gasto anual de 30 millóns de euros, o que fai imprescindible un aporte de financiamento por parte do Goberno central para que as arcas galegas non se vexan prexudicadas por esta decisión”.
“Galicia está disposta a cumprir a lexislación vixente e garantir o benestar necesario para todos estes menores, pero para iso pedimos planificación e a dotación dos fondos necesarios, porque resulta claramente insuficiente os 100 millóns de euros que o Goberno de Pedro Sánchez destinará para repartir entre todas as comunidades autónomas”, anotou.
Así mesmo, lembrou que a Comunidade galega xa acolle neste momento a 273 migrantes menores, o que supón que o sistema de protección autonómico xa teña unha sobreocupación do 108 por cento. “A chegada de 326 menores máis a Galicia incrementaría esta preocupante situación, ademais de complicar sensiblemente a prestación das atencións e os servizos que se merecen”, subliñou Alberto Pazos.
SOLUCIÓN ENERXÉTICA
Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas previsións existentes para dar unha solución enerxética aos proxectos industriais estratéxicos de Galicia, porque, coa planificación actual, quedan fóra proxectos relacionados cos biocarburantes, o hidróxeno ou o amoníaco que precisan case 1.200 megavatios adicionais para garantir a súa posta en marcha e a súa viabilidade.
“Ademais, resulta fundamental implantar nova infraestrutura eléctrica que permita evacuar toda a electricidade xerada en Galicia a partir de fontes renovables, o que tamén facilitaría dar servizo a eses proxectos que teñen ou van ter un forte consumo eléctrico”, engadiu.
O Grupo Popular tamén se interesará polas medidas que ten pensado poñer en marcha a Consellería de Sanidade para mellorar as instalacións do Hospital Materno-Infantil de Ourense, logo de que se producira o derrubamento dunha parte do teito na terceira planta deste centro sanitario.