O Grupo Popular pedirá ao Goberno de España no Pleno da vindeira semana que acometa con urxencia un plan extraordinario de conservación integral da A-6, tanto no que respecta á calzada como ás pontes e noiros existentes en todo o seu trazado. Así mesmo, solicitará que se adíe un ano a posta en marcha da obriga para que o alumnado de FP ou universitario que realice prácticas formativas en empresas sexa incluído no réxime da Seguridade Social, unha medida que non se cuestiona pero que presenta dificultades para a súa aplicación neste prazo de tempo.
Ao remate da Xunta de Portavoces, a viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, informou que a sesión plenaria comezará coa comparecencia da conselleira de Economía, Industria e Innovación, a petición propia, para dar conta das previsións e liñas xerais de actuación do seu departamento, “nun momento no que as decisións do Goberno de Pedro Sánchez están a motivar que importantes empresas españolas valoren os seus posibles investimentos en España”. Diante desta situación, apuntou que “Galicia debe amosarse como un lugar idóneo para o asentamento de novas empresas e a creación de emprego ao carón dos incentivos que se facilitan desde o Goberno galego”.
Paula Prado manifestou que “vivimos hoxe unha xornada de contraste de sentimentos”. En primeiro lugar, referiuse á xura da Constitución por parte da Princesa Leonor, un acto no que asume a súa responsabilidade de defender as liberdades e os dereitos que recolle a Carta Magna. “Estamos moi orgullosos de que o Presidente Rueda represente hoxe no Congreso á Galicia real, fronte a eses partidos independentistas, como o BNG e o os socios de Pedro Sánchez, que pretenden romper España e hoxe non están alí”, indicou.
BOCHORNOSA FOTOGRAFÍA
Por outro lado, cualificou de “bochornosa a fotografía que o enviado de Pedro Sánchez se fixo onte co fugado da xustiza Puigdemont, coa que non busca outra cousa que asegurarse os votos suficientes para manterse na Moncloa, arrodillándose ante os independentistas cataláns concedéndolles todo o que lle pidan”.
Así, manifestou que “o Grupo Popular levará ao Pleno da vindeira semana a nosa preocupación polas concesións que Pedro Sánchez está disposto a ceder aos independentistas cataláns”, esixindo “que estas concesións non repercutan na realización en Galicia de importantes investimentos en infraestruturas e na mellora e acondicionamento das estradas de competencia estatal”.
Así, a través dunha proposición non de lei, solicitarase ao Goberno de España que acometa con urxencia un plan extraordinario de conservación integral da A-6, tanto no que respecta á calzada como ás pontes e noiros existentes en todo o trazado, que claramente adoecen dunha falla de mantemento. Ademais, pídese que estableza un cronograma específico para o remate das obras de reconstrución que se están a acometer nos dous viadutos do Castro e informe puntualmente aos concellos afectados e ao Goberno galego das decisións que se vaian adoptando.
“Lamentablemente, nos últimos anos os problemas na A-6 acumúlanse, e, ao corte provocado polo derrubamento, á altura de Pedrafita do Cebreiro, dun dos viadutos do Castro en xuño do pasado ano, sumouse o pasado 19 de outubro o derrubamento dun noiro no punto quilómetro 450 dirección A Coruña”, explicou a viceportavoz popular, quen avanzou que “esta situación pode agravarse coa entrada do inverno, as choivas e as xeadas”.
Neste ámbito relacionado coa mellora das comunicacións de Galicia, o Grupo Popular tamén preguntará ao Goberno galego sobre os reiterados incumprimentos do Goberno central que van retrasar aínda máis a necesaria modernización e a urxente renovación da frota da rede ferroviaria de ancho métrico que opera en Galicia, que conecta as localidades de Ferrol e Ribadeo para logo continuar por toda a cornixa cantábrica ata chegar ao País Vasco.
A segunda proposición non de lei que o Grupo Popular leva ao Pleno da vindeira semana ten como obxectivo que o Goberno de España faga axustes na medida de cotizacións á Seguridade Social para o alumnado de FP e universidade que realice prácticas en empresas. En concreto, pídese que se adíe un ano a posta en marcha da medida para facilitar a súa implantación; que se bonifique o 100% das cotizacións; e que se habilite un sistema informático sinxelo e áxil para a xestión das altas e baixas do alumnado e que non recaia nos centros.
“Esta medida facilitaría aos arredor de 36.000 mozos galegos, estudantes de formación profesional e universitarios que fan prácticas en empresas cada ano, prácticas que lles permiten completar a adquisición das competencias profesionais propias da titulación que estudan, permítelles exercitarse nun entorno real sendo claves, para a súa inserción laboral”, sinalou.
Paula Prado lamentou que “esta nova decisión errática do Goberno de Pedro Sánchez podería poñer en risco estas prácticas, xa que o alumnado que realice prácticas formativas deberá ser incluído a partir do 1 de xaneiro de 2024 no réxime da Seguridade Social, unha medida que non cuestionamos pero que presenta dificultades de aplicación nos prazos e nas formas”.
BONO DEPORTIVO E ACOLLIDA INMIGRANTES
Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular tamén se interesará por outras dúas cuestións. En primeiro lugar, sobre o impacto que terá o bono deportivo nas familias galegas e, en segundo lugar, sobre a información que o Goberno galego recibiu do proceso de acollida destas persoas durante a recente crise migratoria motivada pola chegada de milleiros de persoas a Canarias.
“A pesar do descontrol que está a amosar o Goberno central, Galicia volverá a demostrar, unha vez máis, que é unha terra solidaria e acolledora, e colaborará, no ámbito das súas competencias, nesta crise migratoria”, asegurou Paula Prado, quen lamentou que “a día de hoxe seguimos sen coñecer cales foron os criterios de distribución destas persoas entre as distintas comunidades autónomas, nin temos información sobre aspectos tan sensibles como poden ser as súas idades, os lugares e tempo de aloxamento, as necesidades sanitarias ou de escolarización”.