O Grupo Popular solicitará, a través dunha proposición non de lei, o apoio do Parlamento galego á implantación da iniciativa empresarial de Altri en Palas de Rei, instando á Xunta a dar prioridade a este proxecto de interese estratéxico, sempre garantindo o cumprimento da máis estrita normativa medioambiental, técnica e sectorial a nivel galego, estatal e europeo. Así mesmo, pide ao Goberno de España que concrete as liñas de apoio económico a esta iniciativa industrial no marco dos fondos europeos Next Generation e que inclúa na planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026 a construción dunha subestación eléctrica para o subministro desta planta.
O portavoz popular, Alberto Pazos, lembra que o proxecto de Altri en Palas de Rei “é unha iniciativa tractora, innovadora e ambiciosa, baseada na transformación da madeira para producir lyocell, un tecido de alta calidade, 100 por cento biodegradable, máis ecolóxico que as fibras artificiais e cada vez máis demandado pola industria téxtil de todo o mundo”.
NOVOS INVESTIMENTOS E POSTOS DE TRABALLO
Deste xeito, incidiu que “avogamos por favorecer a implantación en Galicia de todas aquelas iniciativas empresariais que supoñan novos investimentos na nosa comunidade autónoma e a creación de postos de traballo, pero sempre, insisto, que cumpran estritamente con toda a normativa galega, estatal e europea para a conservación do noso patrimonio natural e cultural”.
Pazos indicou que esta biofábrica “representa unha oportunidade para o desenvolvemento industrial de Galicia”, xa que se prevé un investimento próximo aos 1.000 millóns de euros e a creación de ata 4.000 empregos durante a súa construción e ata 2.500 postos de traballo no seu funcionamento; ao tempo que favorece o aproveitamento sustentable do monte, nun territorio no que contamos con máis de 80.000 propietarios forestais”.
“O obxectivo non é outro que intentar favorecer todas as iniciativas que permitan captar novos investimentos industriais en Galicia, crear novos postos de traballo cualificados e de calidade, e acompañar proxectos industriais que sexan perfectamente compatibles coa conservación do patrimonio natural e cultural galego e cumpran escrupulosamente coa lexislación vixente”, manifestou.
MENSAXE DE TRANQUILIDADE
Alberto Pazos trasladou “unha mensaxe de tranquilidade a todos os galegos e galegas fronte ao alarmismo inxustificado que se quere trasladar desde o BNG e as súas organizacións satélites que, desde unha análise parcial e terxiversada da realidade, se opoñen agora a este proxecto de Altri, logo de que antes das eleccións autonómicas o apoiaban en iniciativas debatidas tanto neste parlamento como en distintos concellos galegos”.
Neste sentido, demandou “confiar no traballo de todos os expertos e técnicos especializados que van avaliar esta iniciativa empresarial en todos os seus ámbitos, porque serán eles os que decidan finalmente se cumpre ou non o recollido na normativa vixente para que finalmente poida ser unha realidade este proxecto industrial de Altri en Palas de Rei”.