O Grupo Popular propón a aprobación no Parlamento de Galicia dunha resolución pedindo á Mesa e á Presidencia do Congreso dos Deputados que desbloquee a tramitación da proposición de lei de transferencia da AP-9 a Galicia, acordando de xeito inmediato a finalización do prazo para a presentación de emendas e permitindo que este texto avance cara ao seu debate e aprobación definitiva. O portavoz popular, Alberto Pazos, apuntou que “ademais, recollendo a proposta feita polo Goberno galego, solicitamos ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que avalíe a oportunidade do rescate da AP-9, tendo en conta que esta decisión sería máis económica que o mantemento das bonificacións das peaxes ata o remate da concesión en 2048”.
Alberto Pazos lamentou a nova decisión adoptada esta semana pola Mesa do Congreso de prorrogar, unha vez máis, o debate sobre a transferencia da AP-9 á Comunidade galega. “E van xa 18 prórrogas do prazo de presentación de emendas desde a súa toma en consideración polo Pleno do Congreso alá polo mes de xaneiro de 2024, prórrogas que ascenden a 33 se temos en conta as que sufriu esta solicitude de transferencia desde a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa”, concretou.
“Galicia e os galegos non podemos soportar máis tempo esta tomadura de pelo constante por parte dunha Mesa do Congreso tutelada polos socialistas, que fai caso omiso a unha demanda aprobada por unanimidade neste Parlamento e que tamén contou co voto favorable á súa tramitación no Congreso de todos os grupos parlamentarios, a excepción de VOX”, sinalou.
O portavoz popular demandou aos socialistas galegos que, “por unha vez, velen polos intereses de Galicia e alcen a súa voz ante esta nova burla e desprezo de Pedro Sánchez a todos os galegos”. Neste sentido, amosou a sorpresa porque o PSdeG opte neste momento por priorizar o rescate da AP-9, “aparcando o que ata agora foi o seu obxectivo, remarcado durante a última campaña electoral polo seu candidato: a gratuidade desta autopista”.
OPORTUNIDADE DO RESCATE
Pazos asegurou que o Grupo Popular, como xa propuxo recentemente a conselleira de Planificación de Infraestruturas nunha reunión que mantivo con usuarios da AP-9, “estamos dispostos a que o Ministerio valore a oportunidade do rescate desta autoestrada, tendo en conta que, coas novas bonificacións das peaxes anunciadas polo Goberno central, que esperamos que algún día sexan realidade, tanto as anunciadas para a AP-9 como para a A-53, o custo da indemnización polo rescate e o custo das bonificacións ata o final da concesión supoñen uns importes moi semellantes, o que debería facer reflexionar seriamente aos responsables do Ministerio sobre a posibilidade e oportunidade de proceder ao rescate a curto prazo da AP-9”.
Porén, lembrou que esta proposta de rescate dos socialistas galegos “choca frontalmente coa posición que viu defendendo o ministro Puente nas súas comparecencias públicas, chegando a cualificar esta posible solución como “ “inasubmible para o Estado” ou “tremendamente difícil e custosa”.
“Desde o Grupo Popular imos seguir defendendo os intereses de todos os galegos e o único que pedimos, tanto ao Goberno de España como aos socialistas galegos, é un pouco de seriedade respecto das peaxes da AP-9, a súa transferencia e o seu posible rescate”, manifestou o portavoz popular, quen anotou que “basta xa de que a AP-9 sexa o mellor exemplo dos constantes agravios e desprezos de Pedro Sánchez con Galicia, prexudicando seriamente a súa economía e os petos dos galegos e dos usuarios desta autoestrada”.
NOVA DEPUTADA DO GRUPO POPULAR
Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios informando que no vindeiro Pleno tomará posesión como nova deputada do Grupo Popular Magdalena Pérez, que vén substituír a Pablo Prieto, recentemente elixido Presidente da Federación Galega de Fútbol.
Concelleira delegada de réxime interior, persoal e administración no Concello de Porto do Son, Magdalena Pérez é licenciada en Pedagoxía pola Universidade de Compostela e conta cun ciclo superior en animación sociocultural e turística, ademais dunha ampla experiencia na xestión de servizos sociais, así como na realización de actividades de tempo libre.