O Grupo Popular vén de solicitar a constitución, no menor prazo de tempo posible, da Comisión de estudo sobre a reforma do financiación autonómico, co obxectivo de elaborar o ditame definitivo logo das comparecencias e a documentación aportada durante a pasada lexislatura, coa posibilidade de incorporar, se procede novos informes actualizados. O portavoz popular, Alberto Pazos, explicou que este documento “servirá de apoio ao Goberno galego nas súas demandas nas necesarias negociacións multilaterais que se deberán realizar para elaborar e acordar o novo financiamento autonómico, ben a través da convocatoria dunha Conferencia de Presidentes ou dun Consello de Política Fiscal e Financeira, coa presencia de representantes de todas as comunidades autónomas”.
Alberto Pazos manifestou que “vivimos un momento preocupante respecto do financiamento das comunidades autónomas, no que nos atopamos cun Goberno de España totalmente débil e a mercé do independentismo catalán, conseguindo inaceptables compensacións polo seu apoio para manter a Pedro Sánchez na Moncloa e nomear a Salvador Illa como Presidente da Generalitat”. “Primeiro foi a condonación da débeda a Cataluña e agora o cupo catalán, co que iso suporá de merma no financiamento para as demais comunidades autónomas”, dixo.
Diante desta situación, Alberto Pazos considerou que “o Parlamento de Galicia non debe quedarse quieto nin calado, como pretenden tanto o BNG, para non molestar aos seus aliados independentistas cataláns; como os socialistas galegos, para non estorbar nin entorpecer a continuidade de Pedro Sánchez na Moncloa, e urxe elaborar un documento no que se recolla as conclusións desta comisión de estudo”.
Neste sentido, lembrou que entre as conclusións aportadas polos expertos “quedou claro o rexeitamento ao cupo para todas as comunidades autónomas ou a cesión significativa de máis porcentaxe do imposto sobre a renda, medidas que porían en risco a capacidade de redistribución do Estado e serían especialmente prexudiciais para Galicia polas súas maiores necesidades de gasto dada a dispersión e o maior envellecemento da súa poboación”.
FALSIDADES
Respecto da actividade parlamentaria celebrada esta semana, Alberto Pazos indicou que no Pleno “volveu quedar patente que temos unha oposición sen ideas e incompetente para presentar un proxecto alternativo ao que está a desenvolver en Galicia o Goberno de Alfonso Rueda, á que o único que se lle ocorre para ganar un titular é crear unha Comisión de Investigación coa que intentar tapar os numerosos casos de corrupción que salpican directamente a Pedro Sánchez, ao seu entorno, e a varios membros do seu goberno”.
“Pero esta Comisión de Investigación xa comeza totalmente devalada, porque neste Pleno xa quedaron claras varias cuestións”, lembrou o portavoz popular. En concreto, asegurou que “é totalmente falso que o Consello de Contas fale no seu informe dun sobrecusto na construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro: as únicas referencias á palabra “sobrecusto” son para evidenciar que non se produciu ou para indicar que entraba dentro do risco da empresa adxudicataria e polo tanto a Administración autonómica non o abonou”.
Ademais, o propio Consello de Contas recoñece que o método utilizado para a construción do Álvaro Cunqueiro permitiu levar adiante este novo hospital nun prazo de tempo moito máis corto que o que suporía asumir a obra con cargo aos orzamentos da Xunta, nun momento, de fonda crise económica. “Ao que hai que engadir o informe que encargou o Goberno bipartito de socialistas e nacionalistas a unha coñecida consultora española, que deixaron sen pagar, e no que se avoga pola construción dun hospital en Vigo recorrendo a capital privado, a pesar da época de bonanza que se vivía naquel momento”, engadiu.
Alberto Pazos tamén subliñou que no Pleno “quedou claro que non existe trato de favor algún á empresa Eulen por parte dos gobernos do PPdeG, porque os datos oficiais recollidos no Rexistro e, posteriormente, na Plataforma de contratos da Xunta acreditan que o Goberno galego que máis cartos lle ten dado a esta empresa foi precisamente o Goberno bipartito de socialistas e nacionalistas, e foi o primeiro Goberno de Feijóo o que reduciu máis dun 65 por cento o importe dos contratos adxudicados a esta empresa”.
Por último, respecto dos contratos realizados pola Xunta durante a pandemia, o viceportavoz popular recordou que “xa foron dobremente fiscalizados, sen que se producira ningunha taxa de ilegalidade”.