Santiago, 29 de agosto de 2018. .- O Grupo Parlamentario Popular ven de rexistrar no Parlamento de Galicia unha iniciativa encamiñada a que a Xunta esixa do Goberno do Estado unha igualdade de trato e consideración entre as diferentes autoridades portuarias galegas en relación á de Valencia, nos termos relativos ao financiamento e asunción das débedas contraídas pola acometida de infraestruturas necesarias para a súa operatividade e competitividade.
O deputados populares solicitan unha compensación económica semellante, nos termos xurídicos e administrativos equivalente ou análogos ás decisións adoptadas para o caso do porto de Valencia, e que libere ás autoridades portuarias galegas das cargas económicas xeradas por acometer investimentos en infraestruturas loxísticas ou portuarias.
Así mesmo, na iniciativa popular, solicítase que a Xunta, a través dos seus representantes no Consello de Administración das autoridades portuarias galegas, pidan a celebración de consellos de administración extraordinarios para que, formalmente, se dirixan a Puertos del Estado co obxectivo de establecer a vía para a liberación de débedas ou compensación de investimentos do xeito que estimen oportuno xurídica e administrativamente.
O Grupo Popular recorda que nos últimos anos ven apoiando de diversos xeitos a construción e desenvolvemento do tecido portuario galego, centrando o apoio na creación de infraestruturas e servizos que doten que plena operatividade e competitividade estes peiraos.
Así, nomean na iniciativa as dúas grandes infraestruturas dos portos exteriores de Punta Langosteira e Caneliñas, ás que se uniron outras como o acceso ferroviario ao peirao de Vilagarcía, as melloras de operatividade para contedores en Marín ou a rampa, silo para automóbiles e a mellora do atraque de cruceiros en Vigo.
Os deputados populares lembran que estas obras foron asumidas, de forma xeral, polas propias autoridades portuarias nun importante esforzo económico e orzamentario e que deriva nun equilibrio difícil que só se pode manter, como se fai, grazas á mellora da xestión portuaria e á consecución dun maior movemento de mercadorías e prestación de servizos.
Estas apostas e custes asumidos polas autoridades portuarias realizáronse no marco dunhas regras sempre manifestadas polos distintos gobernos de España en condicións idénticas e sen condonar a débeda a ningún porto de interese xeral.
O recente anuncio do executivo de Pedro Sánchez, no Consejo de Política Fiscal y Financiera de asumir a débeda financeira xerada pola Copa de América e a a Fórmula 1 no porto de Valencia ven a romper este acordo e equilibrio e é unha afronta e discriminación cos galegos en relación ao trato recibido polos valencianos”.
Para os deputados populares a derivación da asunción da débeda cara a administración autonómica valenciana non é óbice para que se podan replicar na nosa Comunidade compensacións que levan a unha igualdade efectiva de trato.
Deste xeito, consideran prioritario atender as necesidades de financiamento de actuacións coma a de Punta Langosteira, o seu acceso ferroviario e a súa derivada do aproveitamento dos peiraos interiores da Coruña, así como verificar a igualdade de atención ao acceso ferroviario ao porto exterior de Ferrol e á propia infraestrutura de Caneliñas. Así mesmo, cómpre outorgar esa mesma equidade de trato coa aposta polo acceso ferroviaria á terminal ro-ro de Vigo e con outras necesidades amosadas polos portos de Marín, San Cibrao e Vilagarcía.