O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia a través da que se solicita ao Goberno de España que derrogue e deixe sen efecto a modificación lexislativa que anula as devolucións correspondentes aos mutualistas que tributaron máis do debido, procedendo ao reintegro íntegro e sen aprazamentos das contías xa solicitadas en tempo e forma polos contribuíntes.
Os viceportavoces do Grupo Popular, Paula Prado, Julio García e Cristina Sanz, xunto coa deputada Felisa Rodríguez, mantiveron un encontro esta mañá co responsables de asesorías e colectivos de afectados pola anulación das solicitudes de devolución daquelas persoas que tributaron máis do debido en concepto de imposto sobre a renda logo de realizar achegas a diferentes mutualidades profesionais.
CAMBIO DE CRITERIO
O Tribunal Supremo ditou unha sentenza o 28 de febreiro de 2023 a través da que atendía a reclamación realizada por afectados que viron como non se consideraban deducibles as cotas abonadas ás mutuas entre os anos 1967 e 1978, conseguindo que a partir dese pronunciamento xudicial se recoñecese o seu dereito a deducir un 25 por cento desas achegas.
Para acceder a esta devolución, os afectados dispoñían dun formulario específico ao que debían acompañar a fotocopia do documento nacional de identidade e o número de conta bancaria.
Porén, o Grupo Socialista no Congreso, a través dunha emenda á Lei 7/2024, cambiou drasticamente este proceso de devolución do IRPF para os mutualistas ao anular as solicitudes que non se presentaran antes do 22 de decembro de 2024, o que supuxo que unha gran parte dos mutualistas que solicitaran a devolución non a vaian a recibir na súa integridade ata o 2028.
Este novo sistema establece que os afectados deberán volver a pedir a partir deste ano 2025 a devolución en diferentes anualidades a través dun formulario que se presentará no prazo regulamentario da declaración do IRPF. Así, no ano 2025 solicitarase a devolución do exercicio de 2019 ou anteriores non prescritos; en 2026, a devolución do exercicio 2020; en 2027, a devolución do exercicio de 2021; e en 2028, a devolución do exercicio de 2028.
DEREITOS DOS CONTRIBUÍNTES
Paula Prado cualificou de “sorprendente este cambio de criterio arbitrario, que excede e retorce o cumprimento do criterio do Tribunal Supremo e pugna abertamente cos dereitos dos contribuíntes, que non teñen máis culpa que aplicar ben o dereito cando a interpretación da Axencia Estatal de Administración Tributaria era de todo incorrecta, como se demostrou nos tribunais”.
“Por este motivo, solicitamos que o Goberno de España deixe sen efecto a reforma lexislativa e proceda de inmediato á devolución íntegra das contías que lles pertencen a estes mutualistas, de xeito que non se produza unha diferenza de trato con aqueles que xa percibiron os reintegros das cantidades ingresadas indebidamente diante da AEAT”, sinalou.