Santiago, 22 de maio de 2021.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición de lei a través da que se modifica a Lei galega 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero co obxectivo de incluír a violencia de xénero dixital, que inclúe aquelas condutas de violencia de xénero que se exercen a través das novas tecnoloxías, do correo electrónico, internet, sistemas de mensaxería dixital ou das redes sociais.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, considera “imprescindible definir a violencia de xénero non só para identificar ás vítimas e poñer á súa disposición todos os recursos precisos para a súa atención, senón que temos que ser capaces de poñer en marcha políticas de prevención da sextorsión, o ciberbulling, o grooming ou o ciberacoso e abuso sexual a menores de idade, que permitan identificar neste ámbito con antelación condutas e fenómenos emerxentes e previr a violencia de xénero dixital”.
A proposición de lei do Grupo Popular considera violencia de xénero dixital aquela realizada por un agresor, garde ou non relación conxugal, de parella ou análoga de afectividade no presente ou no pasado, ou a de parentesco coa vítima; coa única finalidade de discriminación, dominación, control e intromisión sen consentimento na privacidade da vítima. Así mesmo, terán a consideración de actos de violencia dixital contra a muller os exercidos por homes do seu contorno familiar, social, profesional ou académico. En todo caso, se exceptúan as ferramentas de control parenteral que cumpran coa lexislación vixente destinadas á protección e seguridade das persoas menores de idade.
Paula Prado manifesta que esta reforma da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero responde ao indicado polo Grupo de expertos na loita contra a violencia contra a muller e a violencia doméstica (Grevio); así como o informe elaborado pola Subcomisión de Igualdade do Congreso, no que se conclúe que as novas tecnoloxías normalizan a violencia, en moitos casos ante a inconsciencia da xente moza que non a identifica como tal; ou o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que inclúe a necesidade de perfeccionar a tipificación dos delitos no ámbito dixital.
INCREMENTO DAS DENUNCIAS
“Desde que na primeira década deste século XXI internet pasou a ser un contexto dixital, se teñen incrementado as denuncias sobre violencia de control, ameazas ou violencia psicolóxica a través de teléfonos móbiles e outros dispositivos dixitais”, sinala a viceportavoz popular, quen lamenta que “nos últimos tempos aumentou o control da vítima a través das redes sociais, dos dispositivos dixitais e, fundamentalmente, do teléfono móbil”.
Ademais, engade que este tipo de violencia de xénero “está afectando fundamentalmente ás mulleres máis novas, xa que o ciberacoso ten unha incidencia maior na adolescencia e, por tanto, convértese na idade de maior vulnerabilidade”.
A violencia de xénero dixital engloba todo tipo de conduta de violencia de xénero que se exerza a través das novas tecnoloxías, das redes sociais ou de internet. En concreto, abrangue a distribución en rede de imaxes ou datos comprometidos de contido sexual; usurpación da identidade da vítima ou creación de perfís falsos para desprestixiala; dar de alta o correo electrónico da vítima en sitios web para estigmatizala ou ridiculizala; acceder dixitalmente ao ordenador da vítima para controlar as súas comunicacións con terceiros; ou o control do dispositivo móbil e as súas comunicacións.