A viceportavoz Paula Prado avanzou hoxe en rolda de prensa unha iniciativa parlamentaria do Grupo Popular na que se insta ao Goberno central a liderar, diante da Unión Europea, o recoñecemento do presidente electo lexítimo de Venezuela, Edmundo González, e que se produza unha transición pacífica do país cara a unha democracia plena.
Na iniciativa, os populares galegos piden ademais o cese inmediato da represión e violación dos dereitos humanos por parte do réxime de Nicolás Maduro e facilitar as solicitudes de protección internacional aos cidadáns venezolanos que foxen da opresión política e da exclusión económica e social no seu país.
Paula Prado tamén sinalou que na Proposición non de lei, rexistrada no día de hoxe, se fai un chamamento á UE para que manteña as sancións impostas ao réxime actual, mentres non existan garantías dunha transición cara a unha democracia plena e que se recoñeza a situación de emerxencia humanitaria que vive Venezuela.
A viceportavoz popular indicou que “non podemos nin queremos deixar sos aos venezolanos ante a total falta de lexitimidade democrática do réxime totalitario que está levando ao país a unha profunde crise política, económica e social”.
“Porque a nosa defensa das liberdades e dereitos fundamentais traspasa, como non pode ser doutro xeito, as nosas fronteiras, desde o PP tomamos a iniciativa política desde o primeiro momento, sumándonos aos esforzos internacionais para esixir democracia, transparencia e respecto ao resultado das urnas en Venezuela o pasado mes de xullo” engadiu Paula Prado.
MORNEZA DO GOBERNO CENTRAL E APOIO DO BNG Á DITADURA
Na súa comparecencia ante os medios, a viceportavoz popular criticou a “incomprensible morneza do Goberno de Sánchez coa ditadura de Maduro, manténdose á marxe das iniciativas de denuncia promovidas pola comunidade internacional pola emerxencia democrática no país”.
E, referíndose aos nacionalistas galegos, Paula Prado foi contundente ao afirmar que “sabíamos do seu afán independentista, da súa conivencia co terrorismo e do seu radicalismo, pero vemos agora que tamén están co autoritarismo”.
“Como dixemos noutra ocasión: os nacionalistas galegos sempre do lado incorrecto da historia, e cando os informes das organizacións internacionais independentes ,tales como o Centro Carter e máis recentemente o Panel de Expertos Electorais da ONU, acusan ao Goberno de Maduro de falta de transparencia e manipulación electoral, ou cando hai unha abrumadora opinión internacional indicando que na proclamación de Nicolás Maduro se saltaron todos os estándares democráticos, o BNG apoia e felicita ao ditador e amosa a súa plena confianza no sistema electoral venezolano” sinalou a deputada popular.
Para Paula Prado deste xeito “o BNG avala a terrible represión e violación dos dereitos humanos no país e no seu estilo de branquear o comunismo e o terrorismo únese agora tamén o autoritarismo e a ditadura, apoiando a situación dun país que subsiste na pobreza e que non permite o ben máis básico dos seus cidadáns: a liberdade”
OS POPULARES A PÉ DA RÚA E OUTROS PESCANDO ONDE NON HAI
A viceportavoz popular sinalou na rolda de prensa que no presente mes de agosto “os deputados e deputadas populares seguimos a pé de rúa, recollendo inquedanzas e presentando iniciativas co único obxectivo de mellorar a vida dos cidadáns e continuar coa senda de progreso e crecemento en Galicia”.
Pola contra, indicou, “outros aproveitan estas datas para pescar onde non hai para tapar a súa situación complicada, pero, por moito que queiran embarrar, non todos somos iguais”.
“Xa sabemos que estamos ante os campións da mentira e da manipulación, capaces de dar prioridade a súa supervivencia política por enriba das prioridades de Galicia” indicou Paula Prado, engadindo “como fixeron cos pélets polo que aínda non pediron desculpas á sociedade galega polas súas mentiras, manipulacións e o dano a nosa cadea mar-industria, despois do peche de dilixencias e a evidencia da pouca entidade e perigosidade do vertido, tal e como advertimos desde o principio”.
O GOBERNO DO ESTADO MÁIS LESIVO COA IGUALDADE
Paula Prado tamén fixo referencia ao Goberno de Pedro Sánchez como “o máis lesivo da historia para os dereitos das mulleres” polo malestar que está a xerar na sociedade as súas “supostas leis pioneiras nese ámbito”.
Nese sentido indicou que a Lei do só si é si permitiu rebaixar as penas e excarcerar aos condenados por delitos sexuais, a coñecida como Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans está permitindo que maltratadores condenados non entren en prisión cambiando de sexo e que continúen acosando, e recentemente coa Lei de paridade, que desprotexe aos que piden un permiso laboral para conciliar ou coidar a un familiar. “Nunca se retrocedeu tanto en materia de igualdade como desde que está o señor Pedro Sánchez no Goberno” finalizou indicando a viceportavoz popular.