18 de abril de 2023. O Grupo Popular solicitará no Pleno do Parlamento galego da vindeira semana que o Goberno central sitúe a Ferrol entre as súas accións prioritarias, desenvolvendo as medidas previstas no Pacto de Estado presentado en 2021, e adopte as medidas de reforzo necesarias para superar de xeito inmediato as deficiencias existentes nos servizos de atención á cidadanía da Seguridade Social, habilitando un protocolo específico para as persoas maiores de 65 anos.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria da vindeira semana dará comezo co debate e aprobación da Conta Xeral correspondente a 2021 elaborada polo Consello de Contas e a comparecencia do conselleiro de Facenda, por petición propia, para informar do desempeño fiscal do Goberno galego no ano 2022.
REACTIVACIÓN ECONÓMICA E SOCIAL DE FERROL
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará que o Goberno central desenvolva as medidas previstas no Pacto de Estado por Ferrol, dirixido á reactivación económica e social desta cidade e das comarcas de referencia. Así mesmo, pídese que dote dos orzamentos necesarios para desenvolver con urxencia infraestruturas que modernicen as instalacións de Navantia Ferrol, nomeadamente a construción dun dique seco que permita poñer en marcha o estaleiro 4.0. Por último, demándase que presente e execute unha planificación concreta e completa para a modernización das infraestruturas ferroviarias, así como os investimentos necesarios que fagan posible estender a Ferrol os beneficios da alta velocidade e lograr a inclusión da liña A Coruña-Ferrol no corredor atlántico de mercadorías, ademais da imprescindible modernización da liña Ferrol-Ribadeo.
Pedro Puy lembrou que o Pacto de Estado por Ferrol foi presentado polo entón Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Este documento inclúe un cento de medidas para a recuperación e transformación industrial da comarca ferrolá, para o que é imprescindible o traballo conxunto de todas as administracións e dos interlocutores socioeconómicos. “Lamentablemente, a día de hoxe só a Xunta está a cumprir os compromisos adquiridos, polo que botamos de menos máis implicación por parte do Goberno de España”, sinalou o portavoz popular.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten que ver co colapso que están a sufrir os servizos de atención á cidadanía do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, que está a provocar un gran malestar entre os usuarios e unha dilación indebida na resolución de moitos expedientes e axudas, como poden ser recoñecementos de pensións por viuvez, xubilación ou de coidado de menores.
Diante desta situación, o Grupo Popular solicitará que o Goberno de España adopte as medidas de reforzo necesarias para superar, de xeito inmediato, as deficiencias apreciadas nos servizos de atención á cidadanía da Seguridade Social, ao tempo que se habilita un protocolo específico, do mesmo xeito que fixo a Xunta de Galicia, para a atención preferente das persoas maiores de 65 anos.
Por último, e dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular cuestionará sobre as melloras que vai recoller o novo contrato de transporte sanitario urxente que a Xunta vai licitar este mesmo ano; os investimentos do Goberno galego na compra e rehabilitación dos inmobles adquiridos en Ourense no marco do programa Rexurbe; e as razóns que alega o Goberno central para rexeitar aplicar as bonificacións na AP-53 do mesmo xeito que se fai na AP-9.