O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, avanzou hoxe que “solicitaremos a inclusión no vindeiro Pleno do debate para a súa aprobación da nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, unha norma pioneira que vai supor un antes e un despois para Galicia, porque con ela vaise facer realidade que o aproveitamento da nosa riqueza natural se transforme en riqueza social para o conxunto dos galegos”.
Alberto Pazos explicou que esta lei “vai ser unha referencia desde o punto de vista do aproveitamento dos recursos naturais, avanzando cara unha economía máis sostible e asegurando unha xestión responsable dos recursos naturais, de maneira que se protexa o medio ambiente, se cree riqueza e, esta riqueza, impacte en beneficios para o territorio e os galegos”.
BENEFICIOS PARA O RURAL
“Un dos ámbitos que se verá máis beneficiado por esta lei é o rural galego, xa que a localización de proxectos empresariais neste ámbito axudará a combater o seu despoboamento, facilitando ás persoas que escollen vivir no noso rural saídas laborais e un futuro económico na súa contorna”, manifestou.
Así mesmo, Pazos salientou a relación existente entre a aprobación desta nova lei e o obxectivo do Goberno galego de acadar rebaixas na factura da luz ás empresas e ás familias galegas, xa que “entre os seus instrumentos está previsto que a Xunta participe en proxectos enerxéticos a través da nova Sociedade Recursos de Galicia, que vai ver multiplicadas as súas posibilidades de cara a conseguir beneficios económicos”.
Porén, lamentou que “temos moi poucas esperanzas de que BNG e PSdeG poidan recapacitar e poñan algo de coherencia nas súas decisións políticas apoiando esta nova Lei que garante que calquera proxecto que implique o aproveitamento dos recursos naturais en Galicia redunde en beneficios directos e medibles para os galegos, así como o mantemento das máximas esixencias ambientais para a implantación destes proxectos”.
Alberto Pazos referiuse, ademais, a comparecencia do Presidente Alfonso Rueda no Pleno desta semana, na que se puxo de manifesto que “Galicia conta cun goberno solvente, con proxecto de futuro e moito ánimo para seguir traballando e cumprir todo, e máis, do recollido no programa electoral co que o PPdeG se presentou ás eleccións autonómicas do pasado mes de febreiro”.
OUTRA OPOSICIÓN
“Un proxecto de futuro que, a curto prazo, terá como eixos principais a posta no mercado de solo residencial e vivendas para atender a demanda existente na actualidade; a mellora da inserción laboral dos nosos mozos e mozas; e outras medidas de índole social, como o novo plan de recursos humanos en sanidade, a axilización da tramitación da dependencia ou a discapacidade ou a mellora do financiamento do servizo de axuda no fogar, un servizo, recordemos, de competencia municipal pero que vai contar co máximo apoio desde a Xunta de Galicia”, concretou.
O portavoz popular criticou que enfronte “atopamos unha oposición que, lonxe de recoñecer o traballo feito e as propostas de futuro, céntrase nunha defensa a ultranza dos ditados que lle marcan os seus aliados independentistas cataláns en materia de financiamento autonómico o das directrices que lles marcan desde o Goberno de Pedro Sánchez, poñendo todas as pedras posibles no camiño cara unha Galicia próspera e que sexa un orgullo para todos os galegos”.
“Galicia se merece outra oposición, que deixe á marxe a súa fobia contra o Partido Popular e traballe por Galicia, con propostas asumibles e fiables que complementen o traballo que desde o Goberno galego xa se está a facer”, rematou.