Santiago, 9 de decembro de 2021.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a nova Lei do Plan galego de estatística, que afonda na transparencia, na calidade e na accesibilidade da información. A deputada do Grupo Popular Cristina Sanz afirmou que este novo período “será o de integrar a información administrativa nos procesos estatísticos, de xeito que non sexa necesario solicitar de novo aos cidadáns a información que xa estea en poder das administracións”.
?Amplo consenso no proxecto de lei do Plan galego de estatística 2022-2026,aprobado no @Par_Gal “as estatísticas públicas contribúen a facer un mundo mellor, canta máis información sólida e imparcial teñamos como a do @IGE_Estatistica mellor sociedade acadaremos” @cristinsanz pic.twitter.com/a88Y7U2Jlu
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) December 9, 2021
Cristina Sanz manifestou que na sociedade actual “precisamos datos de calidade, fiables e contrastados; e se ademais eses datos son accesibles facultan aos cidadáns para esixir cambios, activar a rendición de contas e son un exercicio de transparencia”. “En definitiva, debemos percibir a produción estatística oficial como un ben público imprescindible para a gobernanza nas sociedades democráticas e, á súa vez, imprescindible para o control cidadán da acción do goberno”, apuntou.
“Hoxe, tras máis de 33 anos de actividade, existe un amplo consenso en que o Instituto Galego de Estatística ten acadado un alto nivel de prestixio, de independencia, profesionalidade e utilidade para o conxunto da sociedade galega”, sinalou, para engadir que “se trata dunha das institucións autonómicas máis consolidadas, que nos permitiu facer política autonómica e defender o noso autogoberno”.
A deputada popular afirmou que o novo Plan galego de estatística “busca crear e difundir o coñecemento estatístico para os próximos cinco anos, consonte ás necesidades actuais dos cidadáns, e das institucións públicas e privadas”. Neste sentido, engadiu que “asume expresamente o código de boas prácticas das estatísticas europeas, o que supón que a organización estatística quedará sometida a principios como independencia profesional, imparcialidade, obxectividade da información, eficacia, calidade e transparencia”.
INTEGRAR INFORMACIÓN ADMINISTRATIVA
“Outro dos obxectivos será integrar a información administrativa nos procesos estatísticos, evitando enquisas innecesarias, abaratando os custos e proporcionando os datos no tempo e a forma necesarios para a toma de decisións”, dixo Cristina Sanz. Deste xeito, o novo plan reforza a interoperatibilidade entre as administracións, co fin de incrementar a súa eficiencia.
O novo Plan galego de estatística introduce melloras na accesibilidade da información coa difusión da mesma mediante formatos reutilizables. Así, Cristina Sanz destacou a web do IGE, que “foi incorporando avances tecnolóxicos que a converteron máis que nunha simple ferramenta de información, nunha aplicación de obtención e personalización da información”. “Non cabe dúbida que se ten convertido nunha ferramenta moi boa e útil para a sociedade, como o acreditan as 40.000 visitas de media que ten ao mes ou os 20 millóns de solicitudes anuais de información”, concretou.
Para rematar, a deputada popular salientou que “outra novidade deste plan será a xeración de información relacionada cos retos do Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030, cos obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030 e co seguimento das políticas públicas”. Ademais, introdúcese a perspectiva de idade para poder abordar o declive demográfico, que se suma á perspectiva de xénero, xa presente nas estatísticas galegas.