Santiago, 22 de decembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a nova Lei de ordenación do territorio, unha norma que “influirá positivamente na calidade de vida dos galegos, tendo en conta ademais que favorece a máxima participación cidadá no desenvolvemento dos diferentes instrumentos que vaian actuar sobre o territorio”, sinalou a deputada popular Marta Nóvoa. Ademais, concretou que esta lei “actualiza, simplifica e axiliza os diferentes instrumentos da planificación urbanística para evitar posibles desequilibrios e mellorar a coordinación e planificación integral do territorio en termos de igualdade”.
Marta Nóvoa salientou “a importancia da ordenación do territorio para calquera sociedade, pero dun xeito especial para Galicia onde o territorio e a paisaxe son elementos crave de país”. “Esta lei establece os criterios xerais para ordenar as actividades sobre o solo, que é un ben limitado e moi sensible, para facer un desenvolvemento sostible, equilibrado e salvagardando os valores naturais”, dixo.
Na súa intervención, explicou que a perspectiva de xénero “aporta a visión de que o territorio, as cidades e a forma en que ordenamos a paisaxe deben perseguir a idea de xerar espazos sostibles medioambientalmente e economicamente, e accesibles humanamente”. Así, afirmou que “a finalidade última da ordenación debe ser mellorar de forma equitativa a vida das persoas, tendo en conta o conxunto da súa diversidade e complexidade”.
ÚNICO PROCEDEMENTO
A deputada popular indicou que, na liña das últimas lexislacións galegas e estatais, esta nova lei integra o procedemento ambiental e a tramitación do instrumento de ordenación, “evitando ter que acudir a diversas normas para identificar que procedemento resulta aplicable”. Así, dixo que “se establece un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación do territorio, ao tempo que achega maior seguridade á figura do plan sectorial, concretando e actualizando a súa definición para diferenciala do concepto de proxecto sectorial”.
“Estamos a falar da actualización dunha lei de hai 25 anos que pretende ser útil e práctica á sociedade, mellorando a implementación de figuras de ordenación territorial e axudando a acadar o obxectivo último de seguir coidando o noso territorio e a nosa paisaxe”, manifestou.
En concreto, Nóvoa xustificou a aprobación desta nova lei para adecuar a normativa e a sensibilidade ambiental ás necesidades actuais; e actualizar a tramitación integrando a tramitación ambiental, a inclusión de aspectos de xénero, a mellora da transparencia ou a simplificación da burocracia e axilización da tramitación dos expedientes.
MÁIS EFICAZ E EFICIENTE
“É unha lei máis eficaz e eficiente, evitando as cargas administrativas innecesarias ou accesorias, o que supón a racionalización dos recursos públicos asociados á tramitación dos procedementos administrativos relacionados coas mesmas”, sinalou a deputada popular. Así, engadiu que, “para evitar unha duplicidade de procedementos, esta nova lei contempla que a tramitación do propio instrumento de ordenación do territorio determine a modificación do planeamento urbanístico directamente, sen necesidade de volver a tramitar un novo procedemento”.
Para rematar, Marta Nóvoa negou que esta norma supoña “unha ameaza ao solo rústico de especial protección”, porque entre os seus fins e obxectivos “atópase o de identificar as áreas territoriais que deban ser obxecto de especial protección, garantindo o seu uso racional e a súa conservación, coordinando as accións que se proxecten ou executen en cada ámbito territorial, ou empregando fórmulas de colaboración ou cooperación de tratarse de accións estatais”.