O PARLAMENTO APROBA A LEI DE ASISTENCIA XURÍDICA DA ADMINISTRACIÓN, A ÚLTIMA DAS CINCO NORMAS DO PROGRAMA DE IMPULSO DEMOCRÁTICO ANUNCIADO POR FEIJÓO
· Julia Rodríguez Barreira apuntou que este programa permitiu “avanzar na transparencia, na eficiencia e na busca da excelencia no funcionamento das institucións públicas autonómicas”
· O 75% do texto da nova lei conta coa conformidade de todos os grupos parlamentarios, ademais de ter incorporado ao texto definitivo un 30% das demandas da oposición
Santiago, 29 de marzo de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe, sen ningún voto en contra, a Lei de ordenación da asistencia xurídica da Administración da Comunidade galega e do seu sector público, o último dos cinco textos lexislativos do programa de impulso democrático anunciado a principios do pasado ano polo Presidente da Xunta. A portavoz de Xustiza, Julia Rodríguez Barreira, manifestou que esta nova lei permitirá “aumentar a calidade e o control da actuación administrativa, previndo os casos de posibles malas prácticas e garantindo que tanto o goberno como a súa administración actuarán sometidos á legalidade e á defensa dos intereses da Comunidade galega”.
Rodríguez Barreira indicou que o Plan de impulso democrático permitiu “avanzar na transparencia, na eficiencia e na busca da excelencia no funcionamento das institucións públicas autonómicas”. “Con ese fin, incrementouse o control sobre o financiamento dos partidos políticos; reforzouse o papel do Consello de Contas como órgano de control externo e independente; potenciouse a participación directa da cidadanía na vida parlamentaria; e aprobouse unha Lei de Transparencia e bo goberno”, indicou.
Respecto do texto lexislativo de asistencia xurídica da Administración aprobado hoxe, a portavoz popular indicou que “ofrecerá aos cidadáns a certeza do sometemento da actuación administrativa á legalidade, lonxe de toda arbitrariedade e baixo un sistema de control interno, obxectivo e rigoroso; ao tempo que se traslada a confianza de que os intereses da Comunidade galega van a estar axeitadamente defendidos polos seus servizos xurídicos”.
DISPOSICIÓN PARA O CONSENSO
Barreira puxo de manifestou a “mellor disposición” do Grupo Popular ao longo da tramitación deste proxecto de lei “para atopar puntos de encontro cos grupos da oposición na busca do maior consenso posible que permita aprobar un texto lexislativo capaz de dar resposta ás necesidades de asesoramento, control e defensa que, agora e no futuro, precise a administración autonómica, os seus entes e os seus empregados públicos”.
En concreto, subliñou que o 75 por cento do texto da lei conta coa conformidade de todos os grupos parlamentarios, ademais de ter incorporado ao texto definitivo, de modo directo ou mediante transacción, case un 30 por cento das demandas da oposición.
Julia Rodríguez destacou que a lei “establece o principio de autoprovisión na prestación da asistencia, de maneira que a Administración só acudirá de modo excepcional, cando a autoprovisión resulte inviable, a medios externos para a prestación da asistencia xurídica, e sempre baixo a supervisión da Asesoría Xurídica”. “Por primeira vez se evita a proliferación de contratos de asistencia xurídica externa que abondaron noutras etapas, e se formulan como algo excepcional”, indicou.
MELLORA DA CALIDADE NORMATIVA
A portavoz popular considerou “especialmente destacable as funcións que se atribúen á Asesoría Xurídica Xeral en relación á mellora da calidade normativa” e sinalou que “se trata de simplificar e clarificar a normativa existente, moitas veces dispersa, revisándoa e avaliándoa, pero tamén de supervisar a planificación normativa anual co mesmo fin”.
A nova lei establece, ademais, o marco de defensa dos funcionarios, autoridades e empregados públicos, esixindo uns requisitos para autorizar a súa defensa, pero se no curso do procedemento se acredita que non se cumpren tales requisitos debe existir a posibilidade de revogación da autorización.
Rodríguez Barreira salientou, por último, que esta lei facilita a loita contra a corrupción a través de medidas como incorporar a función coordinadora da Asesoría Xurídica Xeral nas comunicacións entre o sector público autonómico e o Consello Consultivo; a participación da Asesoría Xurídica na elaboración dos plans de prevención de riscos de corrupción; ou evitando vínculos entre as empresas convidadas nos procedementos negociados.