Santiago, 22 de novembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, co apoio do PSdeG e co voto en contra de En Marea e BNG, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno do Estado que impulse as medidas necesarias para a celebración o 6 de decembro de 2018 do 40 aniversario da Constitución Española de 1978.
Así mesmo, maniféstase a adhesión do Parlamento galego a estes actos conmemorativos e demándase á Xunta que participe nestas actividades e asuma o compromiso de realizar as accións que considere oportunas buscando a participación de todos os cidadáns neste aniversario.
A proposición non de lei solicita que o Goberno central promova directamente e apoie todas aquelas actividades que realicen as Cortes Xerais, institucións, organizacións, universidades e centros educativos, así como as asociacións que representen á sociedade civil en xeral, con motivo da conmemoración do 40 aniversario da Constitución Española.
A nivel galego, a proposición non de lei aprobada hoxe demanda á Xunta que participe nestes actos conmemorativos e, no uso das súas competencias, realice actividades que fomenten o recoñecemento constitucional de Galicia como nacionalidade histórica e titular do dereito de autogoberno garantido na Constitución.
MODELO A ESCALA MUNDIAL
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou que “a Constitución Española e a transición son vistas como modelo a escala mundial” e apuntou que “estamos ante un éxito en toda a súa extensión económica, social e política”.
En concreto, manifestou que a Constitución “tivo éxito porque soubo resolver cinco grandes conflitos: a forma de Estado, coa monarquía constitucional; as relacións Igrexa-Estado, instaurando o principio de liberdade relixiosa e de colaboración coas confesións e a Igrexa católica en particular; as relacións entre o poder civil e o militar, subordinando o militar ao civil; os problemas dos dereitos, comezando polos das mulleres; e a cuestión territorial, a través da soberanía compartida entre os poderes do Estado”.
“A Constitución merece ser celebrada no seu 40 aniversario porque son os corenta mellores anos de paz, liberdade e exercicio de autogoberno da historia de Galicia”, sinalou Puy.
Neste sentido, asegurou que “en Galicia estamos satisfeitos do texto constitucional” e como mostra comparou a situación existente no ano 1977 coa actualidade: pasamos de ter un 44 por cento de ocupados no rural ao 6 por cento, e dun 28 por cento no sector servizos a máis do 60 por cento; o PIB per cápita pasou do 74 ao 89 por cento en relación con España; a esperanza de vida pasou de 70 a 80 anos entre os galegos e de 75 a 86 anos entre as galegas; pasamos de unha universidade e un campus, a tres universidades e sete campus; ou de 100 a 1.100 quilómetros de autovías e autopistas”.
CINCO ERROS SOBRE A APLICACIÓN DO 155
Por outra banda, o Grupo Popular votou en contra da proposición non de lei do BNG que instaba ao Goberno español á inmediata suspensión da aplicación do artigo 155 da Constitución española e á aceptación dun proceso de mediación internacional para buscar unha saída ao conflito catalán.
Pedro Puy sinalou que esta iniciativa “está sustentada en cinco erros ou falsidades”. O primeiro é que “os conflitos políticos se teñen que resolver politicamente, e neste caso esquecen que a esencia do Estado autonómico é que os conflitos se resolven en termos xurídicos ante o Tribunal Constitucional, e non en base a argumentos identitarios”.
Así mesmo, lembrou que o dereito á autodeterminación “non está recollido na Constitución Española, nin tampouco a situación catalá é asumible na orde internacional, porque non se están vulnerando os dereitos das minorías”. O portavoz popular sinalou que no conflito catalán “vulnerouse o regulamento da Cámara, o Estatuto, a propia Constitución, as instrucións do Tribunal Constitucional e os mandatos xudiciais, producíndose unha involución democrática, chegando a pechar o Parlamento catalán”.
“Unha cousa é ter ideas e outra é actuar”, sinalou Puy, quen indicou que “é posible ser reformista e defender o dereito de autodeterminación desde un Parlamento autonómico, pero non actuar á marxe da lei”.