Santiago, 7 de marzo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición de lei, para presentar perante o Congreso dos Deputados, a través da que se solicita a transferencia da titularidade e as competencias da AP-9 á Comunidade galega. O portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, afirmou que con esta nova proposición “o Goberno central terá menos argumentos para dicir que non á transferencia desta autoestrada”.
Martín Fernández iniciou a súa intervención, do mesmo xeito que farán todos os deputados do Grupo Popular nesta sesión plenaria, manifestando que “seguimos agardando polas desculpas da deputada de En Marea ante as calumnias vertidas contra todos os membros do PPdeG nas redes sociais chamándonos asasinos de mulleres”.
O portavoz popular amosou a súa satisfacción “porque este Parlamento recupere a unanimidade na solicitude da transferencia da AP-9 a Galicia”, unha situación que “ten a súa importancia e valor político tendo en conta a composición actual do Congreso dos Deputados”.
Fernández Prado salientou a “coherencia do Partido Popular de Galicia que, independentemente de se está no Goberno ou na oposición, sempre mantivo unha postura igual solicitando a transferencia da AP-9, algo que outras formacións políticas non poden defender”.
ELIMINACIÓN DE ASPECTOS CONFLITIVOS
A nova proposición de lei aprobada hoxe no Parlamento por unanimidade elimina os aspectos que serviron aos servizos xurídicos do Goberno e do Congreso para xustificar a non tramitación da anterior proposta lexislativa. En concreto, Martín Fernández explicou que se elimina o prazo máximo de seis meses para realizar esta transferencia e que este traspaso non suporá incremento algún para os créditos nin diminución dos ingresos nos orzamentos xerais do Estado.
“Esperamos que esta nova proposición de lei avance na súa tramitación no Congreso dos Deputados, un obxectivo claro do actual Goberno galego e do Partido Popular de Galicia”, manifestou.
Martín Fernández clarexou que “estamos a discutir sobre a titularidade da autoestrada e non sobre a eliminación das peaxes”, xa que “houbo partidos políticos que tentaron enganar aos galegos dicindo que este traspaso suporía a gratuidade da AP-9”. “Hai que cumprir o contrato asinado coa empresa concesionaria, o que non impide que a Xunta poida levar a cabo na AP-9, do mesmo xeito que fai nas autoestradas da súa competencia, unha bonificación das peaxes, pero non a súa eliminación”, indicou
Para rematar, o portavoz popular salientou que o Goberno galego “xa fixo avances nesta transferencia, coa reunión que mantiveron o Presidente da Xunta e o ministro de Fomento na que se acordou crear unha comisión bilateral para compartir todas as decisión sobre a AP-9”. A primeira reunión desta Comisión bilateral celebrouse hai poucos días, chegando a importantes acordos como a licitación no mes de abril do novo acceso á Cidade da Cultura, medidas precisas para paliar o impacto de ruído en Redondela ou abordar a situación do treito urbano da AP-9 en Vigo.