Santiago, 7 de xuño de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento galego dunha proposición non de lei, logo dunha transacción co Grupo Socialista, que considera necesaria a supresión do instituto do aforamento das deputadas e deputados, preservando en todo momento que estas persoas non podan ser perseguidas polas opinións ou votos emitidos no exercicio das súas funcións. Esta posición deberá ser incorporada ao conxunto de reformas do Estatuto de Autonomía de Galicia que no seu momento se aborde. Ademais, ínstase á Xunta a trasladar esta posición aos grupos parlamentarios das Cortes Xerais para que calquera reforma do aforamento dos representantes nas Cámaras lexislativas estatais e autonómicas sexa tratada tamén dentro dun acordo a nivel estatal.
O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos afirmou que “a fortaleza do noso sistema democrático permite abordar con plenas garantías unha revisión do estatuto do aforamento sen poñer en risco a imprescindible seguridade dos parlamentarios para o axeitado desenvolvemento das funcións inherentes a súa condición”.
“A fortaleza das nosas institucións democráticas, e nomeadamente do noso sistema xudicial, é quen de garantir a seguridade dos deputados no marco das súa actividade parlamentaria, por enriba dos puntuais comportamentos sectarios dalgún individuo”, concretou.
PROPOSTA DE FEIJÓO A BESTEIRO EN 2014
Alberto Pazos lembrou que o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa trasladara en novembro de 2014 ao daquela secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, a posibilidade de achegar posturas para reformar a figura do aforamento, dentro dun pacto en materia de prevención da corrupción. “Porén, ata o día de hoxe, Feijóo recibiu por resposta un clamoroso silencio e ningunha proposta”, lamentou.O deputado popular explicou que desde o PPdeG “creemos que a maneira máis acaída de abordar a supresión do aforamento do Parlamento galego sería no marco dunha reforma de carácter estatal, polo que consideramos necesario que os grupos representados nas Cortes Xerais adopten un acordo que homoxeneice o instituto do aforamento no conxunto das cámaras de representantes nacionais e autonómicas”.
A revisión desta figura afecta a 2.000 cargos electos, 15.000 xuíces e fiscais, e 263.000 aforados parciais das Forzas Armadas e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, polo que “parece acaído que se delimite o alcance e o contido do aforamento en cada un deses supostos, dende un prantexamento coherente que estableza condicións idénticas para aqueles que desempeñan idénticas funcións”, engadiu.
DESALENTAR OS FINS DIFAMATORIOS
Pazos tamén fixo referencia ás conclusións doutrinais do Panel sobre inmunidade parlamentaria da Organización Mundial de Parlamentarios contra a corrupción, que recomenda unha revisión das prerrogativas parlamentarias para evitar posibles abusos que deriven na perda da confianza da poboación nos parlamentarios, confianza que pode verse afectada pola falta de comprensión cabal do mecanismo de inmunidade parlamentaria como unha ferramenta que contribúe ao goberno democrático.
Neste sentido, o documento tamén aconsella, “para fortalecer esa confianza, desalentar o uso parlamentario da liberdade de expresión con fins difamatorios”, subliñou.